O delegado do Goberno condiciona as actuacións policiais sobre as monxas de Santiago ao que diga o xulgado
O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, manifestou que as actuacións policiais en relación á suposta retención de tres monxas de orixe india nun convento de clausura de Santiago “dependen xa” do que determine o xulgado.
A preguntas dos xornalistas, recordou que a Policía actuou en función do que ordenou o xulgado, ao tempo que sinalou que a actuación tivo a súa orixe nunha denuncia a través dunha “páxina web”.
Nestes momentos, o xulgado de instrución número tres de Santiago, o mesmo que levou o accidente de Angrois, asumiu a investigación. Nun primeiro momento, correspondeu ao número un, tras recibir unha denuncia que informaba de que varias monxas de orixe india estaban retidas nun convento de clausura de Santiago.
O sábado, a titular do xulgado enviou unha comitiva xudicial da Policía Nacional ao convento das Mercedarias de Santiago para pedir entrevistarse coas monxas supostamente retidas e tomou declaración a cinco delas, das que tres manifestaron o seu desexo de abandonar esta institución.
Dende aquel momento, as monxas atópanse en acollida baixo tutela xudicial, en concreto en Madrid, segundo precisou o delegado do Goberno en Galicia. Mentres, a Fiscalía analiza se finalmente se presentará como acusación na causa, dado que as mulleres non interpuxeron denuncia.











