O conselleiro de Industria salienta a aposta de Maderas Besteiro pola innovación como vía para fixar tecido industrial no interior da comunidade

Visita de Francisco Conde a Maderas Besteiro
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a aposta da lucense Maderas Besteiro pola modernización dos seus procesos e pola innovación en produtos como vía para fixar tecido industrial, empregos e riqueza no interior de Galicia. Conde visitou as instalacións da factoría xunto ao seu presidente, Bautista Besteiro, que puxo en marcha a compañía familiar en 1930.
Con 75 traballadores, Maderas Besteiro ten asumido “os retos marcados na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, modernizando os seus procesos produtivos a través de maquinaria e de equipos”, dixo o conselleiro, impulsando así “a súa competitividade vinculada á Industria 4.0”. Neste camiño a compañía tivo o respaldo da Xunta, que a ten apoiado en varios proxectos para innovar nos seus procesos industriais cara a fábrica intelixente. Así, o Goberno galego apoiou investimentos como o seu almacén intelixente, capaz de ler un plano e fabricar e reunir as pezas por si mesmo; ou a compra dunha máquina destinada a facer madeira estrutural, que é única en España, e da que apenas hai unha trintena no mundo. Ademais, Maderas Besteiro é unha das empresas máis activas na participación en iniciativas innovadoras do seu ámbito, da man do CIS Madeira.
Esa aposta pola innovación, defendeu o conselleiro, lle ten servido á empresa para converterse nun puntal do sector madeireiro en Galicia, e para gañar a competitividade necesaria para expandirse con valentía a outros países. Neste senso, o seu primeiro paso o ten dado da man da programa Primex da Xunta, co que o Goberno galego axuda ás pemes a saír xuntas por primeira vez ao exterior. En concreto, Maderas Besteiro está a desenvolver un proxecto para a venda de mobiliario de cociñas e armarios en Panamá.
Ese esforzo, sinalou Conde, é mostra do traballo que está a facer o sector galego da madeira, que supón o 3,5% do PIB de Galicia e xera 20.000 empregos directos e case 50.000 indirectos.











