publicidade hoxe

O Concello monta un dispositivo especial para atender as posibles emerxencias provocadas polo temporal desta fin de semana en Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Esta mañá realizouse unha xuntanza de urxencia nas instalacións da Policía Local co obxectivo de montar un dispositivo de cara a esta fin de semana na que está previsto que haxa un novo temporal de choiva e vento. Seguindo o Plan de Emerxencias Municipais (PEMU) creouse un dispositivo especial para atender as posibles emerxencias que poidan xurdir nos lugares que son máis propensos a anegarse polas intensas choivas que se agardan este sábado e domingo. A brigada municipal montou tres reténs para actuar en caso de necesidade e posibles emerxencias. A  UTE Acciona Agua Espina Servicios e a empresa Urbaser tamén colaborarán neste dispositivo.

Na xuntanza desta mañá participaron o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Obras Públicas, Blas García, o subinspector da Policía Local, un representante da UTE Acciona Agua Espina Servicios, un dos responsables da empresa Urbaser, o encargado da brigada municipal de obras e o axente de desenvolvemento local do Concello de Ames.

Nesta reunión falouse das zonas que xa están anegadas como é o caso do paseo fluvial de Bertamiráns e das vivendas da Ponte Maceira que están situadas á beira do río Tambre. Deste xeito, evacuáronse as familias que viven nestas tres vivendas que están pegadas á canle do río Tambre. Ademais, esta mañá varios operarios da brigada municipal estiveron axudándolle aos propietarios dun restaurante, que está neste mesmo lugar, a trasladar á planta alta o material e mobiliario que teñen na planta baixa que tamén é susceptible de anegarse.

Por outra banda, pechouse a Ponte Vella e os seus acceso dende as estradas de Lens, Trasmonte e a Ponte Nova. Nestes lugares colocáronse vallas para evitar o tránsito rodado de vehículos. O alcalde de Ames, José Miñones, indica que se lle “recomenda á cidadanía que non acceda en coche á zona de Ponte Maceira, xa que non hai espazo para dar a volta e cambiar o sentido de circulación. Ás persoas que accedan andando deben extremar as precaucións xa que é perigoso achegarse ao río pola cantidade de auga que leva estes días”.

Praia fluvial de Tapia e núcleos do rural

A situación na praia fluvial de Tapia é similar. Neste lugar tamén se colocaron vallas para impedir o acceso de vehículos e persoas, xa que o río Tambre está desbordado e a auga chega ata as instalacións do Club de piragüismo Ribeiras do Tambre. Neste lugar reforzáronse as suxeicións dos colectores de lixo para que non saían voando coas rachas de vento destes días.

Nos núcleos do rural tamén se realizaron varias actuacións. As persoas que circulen pola estrada de Covas deben de estremar as precaucións porque é un dos lugares que previsiblemente se poida anegar esta fin de semana se as choivas son intensas. Segundo indica o rexedor municipal “é posible que esta estrada quede cortada durante a fin de semana se segue chovendo con intensidade”.   

A estrada de Cantalarrana está cortada e montouse un dispositivo de seguridade no que colaboran a UTE Acciona Agua Espina Servicios, con motobombas e persoal, e a empresa Urbaser, que pon a disposición do Concello 12 persoas e camións e vallas, no caso de que sexan necesarias. 

Por último, dende o goberno municipal apuntan a que se está realizando un seguimento do nivel da auga do río Sar ao seu paso pola ponte da Condomiña e do paseo fluvial de Bertamiráns, da canle que pasa por debaixo da Ponte de Lapido, e das zonas anexas á urbanización do Agro do Muíño que tamén son susceptibles de anegarse.

 

8 de xaneiro de 2016 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.