O Concello delimitará os distritos da cidade a partir dos 201 barrios definidos no primeiro proceso da Porta Aberta
A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, informou na mañá deste martes do estado do primeiro proceso participativo posto en marcha polo Concello dentro de A Porta Aberta, e impulsado para a organización en distritos da cidade, cuxos primeiros resultados daranse a coñecer á cidadanía esta tarde no Foro Cidadán que se celebrará ás 19.30 horas no centro Ágora, coa intervención do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, e a propia Delso. Tal e como avanzou a responsable municipal como primeira conclusión, o proceso para delimitar eses distritos realizarase a partir dos 201 barrios, ou “entidades poboacionais”, identificados polas persoas que participaron no proceso participativo e que saen tamén das investigacións complementarias levadas a cabo, desde a análise das relacións entre zonas da cidade, tecidos urbanos, mobilidade, densidade ou poder adquisitivo da poboación, ata o estudo das parroquias, as delimitacións históricas e os distritos censais e urbanísticos, entre outros parámetros.
“Para facer a delimitación, vaise tomar en absoluta consideración as nocións de barrios que temos tan claramente identificada no tecido urbano e na memoria colectiva”, salientou a concelleira, que marcou como criterios para a decisión sobre o número de distritos a poboación e a superficie, ademais da estrutura administrativa e a funcionalidade, pero quen vinculou a composición desas futuras unidades a criterios que van máis alá, e que teñen que ver coa forma urbana, as condicións de vida e as relacións cotiás entre os distintos barrios. “Imos apostar por un modelo mixto, tendo en contra todos estes parámetros, porque tanto o proceso participativo como a realidade urbana nos falan de que así ten que ser. Non podemos apostar unicamente por cuestións poboacionais”, observou, para subliñar que a proposta final plasmará “as asimetrías”. “Temos que ter en conta todos os datos obtidos, pensar na necesidade de non romper vínculos nin realidades urbanas consolidadas, e, en definitiva, na diversidade”, concluíu a concelleira, quen explicou que a metodoloxía empregada no proceso baséase no barrio, como entidade mínima de identidade colectiva. Neste sentido, Delso fixo notar a importancia da información acadada neste proceso participativo, que é, indicou, “obxectiva” en relación coa vivencia territorial e “valiosa”, por non poderse ter conseguido máis que a través da experiencia vital dos e das participantes, e que permite unha análise “que nunca se fixera, e moi útil para coñecer a cidade e como a política municipal ten relación con ese territorio no que se enmarca”. “Eses datos non estaban na bibliografía, non se poderían ter obtido sen este proceso”, recalcou.
A información presentada na mañá deste martes pola responsable de Participación e Innovación Democrático expoñerase esta tarde no Foro Cidadán, que será “unha devolución á veciñanza” dos resultados do proceso desenvolvido entre setembro e novembro do ano pasado, a través de 28 reunións presenciais por toda a cidade, cinco encontros sectoriais e un máis con asociacións veciñais, e a plataforma de participación online posta en marcha a ese fin. “Os distritos –indicou Delso– teñen a función básica de ser unha ferramenta para impulsar e desenvolver a participación cidadá na toma de decisións colectivas”. A este respecto, a concelleira aludiu á nova organización da cidade como “unha ferramenta ao servizo do progreso democrático”, e cualificou a actual división da Coruña en dous distritos como “un simulacro burocrático para cumprir a lei para a modernización dos gobernos locais de 2003, pero non para aplicala”. En contraposición, Delso destacou a vontade do Goberno coruñés por avanzar nas políticas de participación, e relacionou a organización en distritos coas novas formas de gobernanza, que, como apuntou, deberán dirixirse a garantir a participación cidadá nos asuntos de interese público, iniciar a descentralización ou dos recursos e servizos municipais, comprometerse coa transparencia e a rendición de contas ante a veciñanza e, tamén, a recoñecer a diversidade dos barrios e formas de vida que conviven no territorio municipal.











