O Concello de Santiago reparará as arquetas mal instaladas nas obras da rúa dos Basquiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Concello vai acometer a reparación das arquetas que quedaron mal instaladas nos Basquiños, durante as obras de reurbanización da rúa. Estes traballos comezaron en agosto de 2014, e finalizaron un ano despois, pero nestes meses foron moitas as queixas dos veciños da zona polo ruído que producían as arquetas ao paso dos vehículos. A actuación correrá a cargo da empresa que executou a reforma da rúa, posto que estas obras aínda están en garantía.

A reparación das arquetas obriga a cortar o tráfico nos Basquiños dende este xoves ata o luns 1 de febreiro, ambos incluídos. A medida aféctalle ao carril dereito de saída cara a praza da Paz, no tramo comprendido entre a rúa de Santa Clara e a travesa dos Basquiños. A circulación de entrada ao centro da cidade dende a Praza da Paz non se verá afectada.

Cambios en tráfico e transporte urbano

Os vehículos que queiran ir cara a praza da Paz deberán desviarse pola avenida de Coímbra para saír á avenida de Xoán XXIII. Os que queiran acceder á rúa do Espírito Santo deberán facelo dende a praza da Paz, baixando pola rúa dos Basquiños.

O corte de tráfico tamén lle afecta ao transporte público, aínda que só nos traxectos en dirección norte (de Santa Clara a Pastoriza). As liñas afectadas son a L1, L4, L5, L8, P1, LP2, LP6 e LP7.

Por este motivo, mentres dure o corte de tráfico, quedarán suprimidas as paradas de autobús situadas á altura do número 28 da rúa dos Basquiños e do número 22 da rúa da Pastoriza. Os usuarios poderán utilizar as paradas situadas nas rúas de San Roque, San Caetano, Anxo Casal ou avenida de Castelao.

27 de xaneiro de 2016 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.