O Concello de Ourense imparte cursos de ‘mindfulness’ para que o profesorado traballe aspectos da saúde física e mental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense iniciará mañá, 20 de xaneiro ás 18:15 horas, no Anexo da Escola de Artes Escénicas (Rúa da Canle, nº4), o Curso de Mindfulness para educadores: práctica da atención plena, incluído dentro do programa Cursos de Formación do Profesorado que realiza a Concellería de Educación co obxectivo de mellorar as capacidades e a formación dos docentes. Os tres cursos que se impartirán ao longo do curso escolar están homologados pola Xunta de Galicia, e son os que seguen: ‘Mindfulness para Educadores: Prácticas da atención plena’, ‘Mindfulness. Formación no Programa Respirar’ e ‘Saúde integral,Si! Módulo IV’. Estes cursos están orientados ao profesorado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Universitaria.

O mindfulness é unha disciplina relacionada co benestar integral, que está en auxe dende hai máis de tres décadas, comezado no campo da saúde física, máis tarde no campo da saúde mental ata estenderse ao campo da educación como complemento clave para a aprendizaxe social e emocional.

Os cursos contarán con oito encontros semanais de dúas horas (de 18:15 a 20:15 horas), cunha duración de 16 horas todos os mércores ata o 9 de marzo, e serán impartidos polo profesor Stuart McNicholls, profesor Titular da Universidade de Vigo. En cada encontro haberá ensinanza teórico-práctica ademais da oportunidade para que os participantes compartan as súas experiencias. Ao longo do período de ensinanza animarase aos participantes a que desenvolvan unha práctica diaria na casa de 10-20 minutos ao día.

O obxectivo do curso é axudar os participantes a desenvolver unha práctica persoal de atención plena aplicable o ámbito educativo. O profesorado que complete este curso poderá optar a un curso posterior para formarse como ensinar mindfulness ao seu alumnado.

19 de xaneiro de 2016 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.