O Concello de Ourense exercerá un maior control sobre a cartelería ilegal con expedientes sancionadores
O Concello de Ourense exercerá un maior control sobre a proliferación de cartelería ilegal na cidade a través de labores de inspección e sanción ás entidades e empresas que vulneren a normativa municipal cos seus carteles publicitarios. O goberno municipal márcase como un obxectivo fundamental para o ano que comeza en materia de reforzo da limpeza e posta en valor da cidade poñer coto a esta práctica irregular, que afecta ao patrimonio monumental dos diferentes barrios, afeando fachadas de edificios, mobiliario urbano e diferentes zonas de espazos públicos.
Con este obxectivo o goberno municipal encargou ao Departamento de Disciplina Urbanística que active un plan de inspeccións nos diferentes barrios da cidade, destinadas a detectar estas prácticas ilegais e iniciar os correspondentes expedientes sancionadores, no marco definido pola actualmente vixente ordenanza municipal reguladora da publicidade exterior mediante carteis, carteleiras ou valos publicitarios. A competencia para a sanción destas prácticas corresponde ao Servizo de Disciplina, segundo o disposto no artigo 31 de dita normativa municipal.
O primeiro informe detecta 25 casos
Estes días foi completado o primeiro dos informes de inspección, no que se dá conta de 25 casos de incumprimento da ordenanza municipal en materia de publicidade exterior.
Entre eles atópanse a actividades organizadas por salas de concertos, festas de Fin de Ano, obras de teatro, actividades de Congresos e exposicións en Santiago de Compostela, servizos e actividades organizados por un centro de naturopatía, axencias de viaxes, actividades deportivas e unha manifestación. Tamén se encontran actividades culturais nas que participa ou colabora propio Concello, polo que tamén se abrirá expediente municipal para evitar que estes casos se repitan
As infraccións obxecto deste primeiro informe detectáronse en diferentes barrios da cidade: fachadas de edificios na Avenida de Bos Aires, Avenida de Zamora, rúa Francisco de Moure, rúa Coruña, rúa Lúa, Pena Corneira, San Francisco, e nun poste telefónico, neste caso na rúa Castelao. Só na rúa Lúa, no Casco Vello da cidade, atopáronse 5 carteis ilegais, 4 na Avenida de Bos Aires e outros tantos na Avenida de Zamora.
Sancións aos infractores
A Área Municipal de Disciplina Urbanística remitiulle á de Limpeza e Recollida de Residuos as actas de inspección para a súa tramitación en forma, ao abeiro do disposto no artigo 4.1 da ordenanza reguladora de publicidade exterior aprobada en Pleno do 9 de maio de 1997, que di expresamente: “Prohíbese fixar carteis ou realizar inscricións sobre edificios, muros, pedestais de esculturas ou outros elementos similares”.
A normativa conta cun apartado sancionador que prevé a imposición de multas aos infractores, cuxo importe dependerá do dano producido, comezando con sancións de ata 300 euros por infracción leve.
A estas primeiras actas seguirán novas inspeccións polas diferentes rúas da cidade, para dar continuidade a esta iniciativa fronte á cartelería ilegal.
Espazos alternativos para a comunicación social
O goberno municipal, consciente en todo caso das necesidades de comunicación de actividades que desenvolven organizacións non gobernamentais, colectivos sociais, asociacións de benestar social, saúde, ou cultura sen ánimo de lucro na nosa cidade que precisan da colaboración institucional para a difusión dos seus eventos e iniciativas, está a estudar a posibilidade de determinar puntos informativos na rúa onde se podan emprazar elementos divulgativos en lugares moi concretos da cidade, onde non se ocasione ningún tipo de perxuízo á protección e respecto aos elementos patrimoniais da nosa cidade.











