publicidade hoxe

O Concello de Narón instalará setenta novas papeleiras e dezaoito colectores para diferentes tipos de residuos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, anunciou que a empresa concesionaria do servizo de limpeza na localidade, Urbaser, colocará novas papeleiras e colectores de lixo nas zonas urbanas e rural do municipio. O edil explicou que as tarefas de instalación dos colectores se iniciaron esta semana e nos vindeiros días continuarán desenvolvéndose ata rematar os traballos previstos. “A actuación responde á intención do goberno local de incrementar os puntos de recollida de determinados residuos para poder ter un municipio máis limpo, algo para o que necesitamos tamén a colaboración da veciñanza”, asegurou o edil. Así mesmo, Santalla especificou que as tarefas non supoñen ningún coste a maiores para as arcas locais do establecido no seu día no contrato coa citada empresa.

En total colocaranse 70 papeleiras -50 do modelo estándar e outras 20 xiratorias das que se instalan nas prazas públicas- e dezaoito colectores –seis modelo iglú para vidro, outros seis para residuos orgánicos e os restantes para depositar plástico, envases de metal e bricks-. Xa están instalados novos colectores no Alto e en Castro –para papel e cartón-, e nas parroquias de Xuvia e Sedes –para o vidro- e procederase a colocar as papeleiras no paseo da Gándara e nas prazas nos vindeiros días, en canto melloren as condicións meteorolóxicas.

“Estes traballos para incrementar o número de colectores seguiremos levándoos a cabo a medida que detectemos esa necesidade en calquera punto da zona urbana ou rural”, subliñou Santalla. O concelleiro de Servizos destacou a importancia de separar os residuos de cara á súa reciclaxe, unha labor, apuntou “respectuosa co medio ambiente e que todos e todas debemos ter moi en conta día a día para poder contribuír a o tan necesario coidado medioambiental e a aumentar as toneladas de diferentes tipos de residuos que cada ano se envían a reciclar desde a localidade”. 

7 de xaneiro de 2016 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.