O Concello de Lalín presentará este martes a programación da XLVIII Feira do Cocido
O Concello de Lalín presentará mañá ás 13.00 horas, no Museo Municipal Ramón Mª Aller, o programa de actos oficiais que se van a desenvolver durante a celebración da XLVIII edición da Feira do Cocido. A programación, deseñada ao longo dos últimos meses, conta con máis de medio cento de actividades, que terán o seu día grande o próximo domingo, 31 de xaneiro.
A difusión da Feira tamén comezará a desenvolverse dende mañá, coa presenza en Lalín a partir das 10.00 horas, na zona do Quilómetro 0 do autobús promocional que ten previsto percorrer varias cidades galegas e algunhas do Norte de Portugal durante as próximas semanas. Este autobús permitirá realizar degustacións ao público, ademais de propiciar unha presentación innovadora e moderna que asegure unha gran repercusión social.
Entre as actividades que terán lugar a carón da XLVIII Feira do Cocido destacan o denominado Cocido Solidario 2016, que substituirá á anterior comida oficial. Coa celebración deste evento, o Concello de Lalín pretende recadar fondos con fins benéficos para destinalos ás distintas asociacións sen ánimo de lucro do municipio. Tamén será unha novidade o Premio Aldea Singular, que se entregará durante os actos do cocido do día 31. Este galardón ten como principal obxectivo recoñecer os valores patrimoniais, sociais, culturais e paisaxísticos dos moitos núcleos de poboación que existen no rural de Lalín. Por outra banda, A Feira contará pro primeira vez na súa historia co Cocido LGTB, unha serie de actos dedicados ao colectivo homosexual, que se celebrará o primeiro sábado do mes de marzo.
O obxectivo do Goberno local para esta edición centrouse “en potenciar aqueles aspectos da Feira que se facían ben, e en introducir algúns cambios para que a Feira recupere a súa esencia e volva á súa condición de festa aberta a todas e todos.











