publicidade hoxe

O Concello de Lalín amplia a zona azul a un treito da avenida de Bos Aires

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Concello de Lalín ampliará a aplicación da Ordenanza Reguladora do Estacionamento con Horario Limitado Gratuíto, coñecido como Zona Azul, á Avenida de Bos Aires, no tramo comprendido entre os números 68 e 80, diante do IES Laxeiro.

O Concello de Lalín ten implantado dende o ano 2007 o estacionamento con horario limitado gratuíto nas rúas Principal e Joaquín Loriga. Posteriormente, no ano 2010 estendeuse  ás rúas Pintor Laxeiro, Calvo Garra , D e Avenida Luís González Taboada. No ano 2013 modificouse a ordenanza ampliando este tipo de prazas de estacionamento ás rúas Alcalde Ferreiro e Pintor Colmeiro. Na actualidade, tal e como explicou o alcalde, Rafael Cuíña, o executivo de Lalín continúa seguindo as liñas marcadas no Pacto de Goberno con respecto ao tráfico e á mobilidade urbana, e estende a zona  azul á Avenida de Bos Aires. Seguindo, en concreto, o estipulado nun dos puntos do apartado 4 do documento, que fai referencia á “flexibilización da zona azul a medida que se progrese na peonalización e na apertura do Parking Aldea Grande”,  considérase conveniente, neste momento, ampliar a zona azul ao treito da Avenida de Bos Aires que discorre en fronte ao IES Laxeiro.

En vista de que o proceso de peonalización xa se atopa na súa segunda fase e que o aparcadoiro Aldea Grande funciona con absoluta normalidade dende hai máis dun mes, o Goberno de Lalín ve axeitado executar esta medida, que responde tamén a unha demanda comunicada polos veciños da zona nas últimas semanas. 

25 de xaneiro de 2016 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.