O Concello da Coruña amosa o seu apoio á confraría de pescadores ante as alegacións ao proxecto de dragado na Ría do Burgo

María García na reunión con representantes da confraría
A concelleira de Medio Ambiente, María García, reuniuse este martes con representantes da Confradía de Pescadores da Coruña, aos que trasladou o apoio do Goberno local ante as alegacións presentadas ao plan de dragado da Ría do Burgo que pretende poñer en marcha o Goberno central. Segundo comentou a responsable municipal, “a reivindicación que fan sobre a incompatibilidade entre o proceso de dragado e o marisqueo é totalmente comprensible”.
Por outro lado, a concelleira García indicou que o Goberno da Coruña última xa a redacción das súas propias alegacións ao proxecto do Ministerio de Medio Ambiente. “As nosas alegacións xa están preparadas e estarán listas en breve, xa que temos claro os puntos sobre os que queremos incidir. Consideramos que a rexeneración da ría vai moito máis alá do dragado. Despois del, cremos que a Xunta, e en concreto a Consellería de Medio Ambiente, debería activar un Plan de Conservación e Rexeneración, co apoio dos concelleiros ribeireños e das entidades implicadas”, explicou a edil aos medios, ao inicio da reunión celebrada na Casa do Mar da Coruña. “A Ría do Burgo debe ser un verdadeiro corredor verde da comarca, que conecte co encoro de Cecebre e da que poidamos facer un uso multifuncional, tendo en conta tanto factores económicos, como sociais, a actividade marisqueira, o turismo ou incluso a pedagoxía”, engadiu. Ademais de demandar nas súas alegacións ao proxecto do Ministerioun plan de posta en valor e conservación da ría, o Concello coruñés tamén solicitará a súa presencia “nunha comisión de seguimento da rexeneración”, así como que o ‘Plan de Vixiancia’ que se pretende levar a cabo “teña un carácter exhaustivo”.
“Tamén apostamos porque despois do dragado, e coa colaboración das administracións con competencias no tema, se lle outorgase á Ría do Burgo unha categoría de protección especial”, indicou a concelleira de Medio Ambiente, que explicou que as posibilidades ás que podería optar “dependerán de como quede tras o proceso de dragado”. O Concello da Coruña presentará en tempo e forma as súas alegacións, antes do prazo fixado polo Ministerio de Medio Ambiente o próximo 5 de febreiro. “Por agora comprometéronse a recoller todas as alegacións nesta data e analizalas con celeridade”, comentou a concelleira.











