publicidade hoxe

O Cocido Solidario substituirá ao xantar oficial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
O alcalde adquirindo a entrada

O alcalde adquirindo a entrada

O alcalde, Rafael Cuíña, mercou esta mañá as entradas para participar no Cocido Solidario que este ano substituirá a antiga comida oficial do cocido. Con este xesto, o rexedor quere animar á cidadanía a participar neste acto de carácter benéfico que está aberto a todo o público.

As entradas teñen un prezo de 38 euros. Desta cantidade, 33 irán destinados ao pago do prato e 5 serán destinados a modo de donativo solidario en favor de Aranes. Os vales pódense adquirir directamente nas dependencias do Concello de Lalín, así como nas do Hotel Torre do Deza e na sede da Asociación de Empresarios do Deza (AED). Así mesmo, pódense comprar mediante o ingreso directo dos 38 euros na conta bancaria de La Caixa, con número 2100 1838 59 0200129646, da que é titular Torre do Deza.

Tamén haberá unha fila cero. Todas aquelas persoas que desexen realizar un donativo solidario Á asociación ARANES, sen asistir ao Cocido Solidario, poderán facelo mediante ingreso directo do donativo na conta de ABANCA, número 2080 0503 91 3040028313.

O prazo para facerse cunha entrada rematará o próximo 26 de xaneiro. O aforo máximo é de 345 persoas. 

Coa celebración deste evento, o Concello de Lalín pretende recadar fondos con fins solidarios aos efectos de destinalos ás distintas asociacións sen ánimo de lucro do municipio e así colaborar no cumprimento de accións sociais, unha das prioridades do Goberno local. Na presente edición do Cocido, os fondos doados solidariamente polos cidadáns irán destinados á asociación Aranes, que ten entre os seus obxectivos a defensa da dignidade e dos dereitos dos nenos/as e dos mozos/as con discapacidade, así como brindarlle apoio ás súas familias para mellorar a súa calidade de vida e a súa integración social. 

11 de xaneiro de 2016 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.