O certame fotográfico “Obxectivo Pontevedra” amplía o prazo de participación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

“Obxectivo Pontevedra” amplía o prazo de inscrición e participación ata o domingo día 10 ás 14:00 horas, hora na que se pechará a recepción de fotografías. O Certame está aberto á cidadanía en xeral, sen límite de idade, que deberá localizar cinco espazos do casco histórico de Pontevedra retratados polos debuxantes da ‘Sociedad Arqueológica de Pontevedra’, e fotografar eses lugares tratando de reproducir o máis fielmente posible o encadre do debuxo orixinal.

Para poder participar no concurso, as persoas interesadas deben achegarse ata o Sexto Edificio, no horario de apertura ao público do Museo, para inscribirse e recoller unha copia dos debuxos que terán que localizar e fotografar, e unha vez feitas as fotografías deben volver ó Sexto Edificio para entregar unha copia das mesmas en formato dixital. Só por participar, todas as persoas recibirán no momento da entrega das fotos unha publicación do Museo de Pontevedra a modo de agasallo.

Con todas as fotografías presentadas, un xurado composto por persoal do Museo, elixirá as tres mellores series fotográficas, que serán premiadas cunha exposición temporal na área de cristal do Sexto Edifico. Ademais, ás autoras e autores destas tres series fotográficas tamén se lles entregará unha selección de publicacións que poderán elixir entre a oferta editorial do Museo de Pontevedra. Estes tres gañadores e gañadoras daranse a coñecer un mes despois, o sábado 30 de xaneiro de 2016, coincidindo coa data da celebración da primeira sesión do Padroado do Museo, na que estivo presente Castelao, artista a quen a Real Academia Galega de Belas Artes dedica o ano 2016.

As persoas que desexen máis información poden dirixirse ao teléfono 986 804 100 extensión 42413 ou ao enderezo de correo-e: gabinetedidactico.museo@depo.es, en horario de luns a venres de 8:00 a 14:30 h.

5 de xaneiro de 2016 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.