O BNG considera a prórroga de Ence unha traizón a Galicia
O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, considerou este luns a prórroga concedida polo Goberno en funcións á permanencia de Ence na ría de Pontevedra por 60 anos máis “unha traizón de Rajoy a Galicia” e avanzou que a súa formación pedirá o próximo executivo que “derrogue” esa decisión.
“É unha decisión corrupta a favor da pastera, no consello de administración da cal se sintan destacadas figuras do PP”, resaltou o dirixente nacionalista a través dun comunicado, no que cita o fillo do exvicepresidente do Goberno na etapa de Adolfo Suárez Fernando Abril Martorell, a exministra con José María Aznar Isabel Tocino e o exconselleiro con Manuel Fraga Carlos del Álamo.
Así, á vista de que Rajoy “utiliza o tempo de desconto” para “consumar un atropelo con nocturnidad e aleivosía” desoíndo “o clamor cidadán” contra a permanencia de Ence en Lourizán, o Bloque estudará “tódalas alternativas” para reverter esa decisión. “Na rúa, nas institucións e na vía xudicial”, remarcou.
Na mesma liña, Xavier Vence acusou ao presidente do Goberno de “desprezar a demanda maioritaria” da sociedade “ao poñerse do lado” dunha empresa “colocada na ría de Pontevedra polo franquismo”, “ignorando” así “anos de reivindicación e de loita na rúa e nas institucións por parte de miles de galegos”.











