O Arcebispado de Santiago di que as monxas non estaban retidas e que iniciaran un proceso para deixar o convento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O Arcebispado de Santiago negou este martes que as monxas orixinarias da India do convento de clausura das Mercedarias estivesen retidas neste lugar e aclarou que as mulleres iniciaran un proceso para deixar os hábitos. Fontes do Arcebispado confirmaron que a congregación trasladoulles que as mulleres “non estaban retidas” no convento nin se produciron “coaccións”. A maiores, apuntan que tampouco se lles retirou a documentación”.

O Arcebispado lembrou que en ocasións se producen “determinados momentos” nos que as monxas deciden “abandonar a congregación”, para o que hai que iniciar un proceso de “dispensa de votos” que “leva o seu tempo”, aínda que non puideron precisar canto.

Neste caso, aclararon, iniciouse un proceso de dispensa de votos, que aínda está á espera de resposta por parte da orde das Mercedarias.

Segundo a información da que dispón o Arcebispado compostelán, a Policía recibiu unha denuncia “procedente da India” que apuntaba a que unhas mulleres podería estar a ser retidas neste convento, algo que negan desde a congregación.

Por orde xudicial, os axentes presentáronse o sábado neste convento de clausura e pediron entrevistarse con cinco mulleres que pediran deixar os hábitos. Tras falar con elas, dúas decidiron “quedar”, mentres que as outras tres “fóronse a unha casa de acollida tuteladas polo xulgado”.

Mentres a investigación do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago segue o seu curso, o Arcebispado reiterou que “en ningún momento houbo retención” das mulleres, que levaban máis dunha década vivindo neste convento. De feito, as mesmas fontes explicaron que dúas delas viaxaron á India hai un ano a visitar á súa familia e regresaron á orde.

26 de xaneiro de 2016 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.