O alcalde de Vilalba mantén un encontro co conselleiro de Política Social
A Consellería de Política Social sumou no día de hoxe un novo encontro a rolda de xuntanzas que leva mantendo cos rexedores galegos desde a súa creación. O obxectivo destas reunións de traballo é optimizar os recursos locais e autonómicos de ambas institucións de cara a acadar melloras na atención e nos servizos sociais destinados aos galegos.
Deste xeito, o Goberno galego e as entidades locais adquiren o compromiso de buscar conxuntamente unha política social axeitada que se adapte as necesidades de cada concello. No día de hoxe, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reuniuse co alcalde do municipio chairego de Vilalaba, Gerardo Criado Guizán.
Na xuntanza, que tivo lugar nas dependencias da na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, conselleiro e alcalde acordaron continuar coa colaboración emprendida entre as dúas institucións que beneficia a todos os colectivos da sociedade. Deste xeito, ambos mandatarios lembraron a apertura en decembro de 2012 da escola infantil de Vilalba que conta con 5 unidades e 74 prazas ofertadas e na que se investiron preto de 850.000 euros; e valoraron positivamente o incremento de 1.500 horas no Servizo de Axuda no Fogar ata acadar as 7.620 horas actuais que benefician a 142 usuarios.