O alcalde de Vilagarcía aborda a modificación do PXOM como freo ás grandes superficies comerciais
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, trasladarase mañá a primeira hora a Santiago para reunirse coa Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. O obxecto da entrevista é plantear á Encarna Rivas a posibilidade de que o Concello leve a cabo unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana que permita regular a implantación de grandes superficies comerciais en Vilagarcía.
A proposta parte da reunión que mantiveron hai unhas semanas os membros do goberno local cos representantes dos grupos da oposición, de Zona Aberta e do equipo de Eptisa que está a levar a cabo a revisión do PXOM, coa finalidade de estudar as posibles vías existentes para frear o proxecto de instalación dun Alcampo na finca de Megasa.
A modificación puntual foi proposta polos avogados de Zona Aberta como última opción á que se podería recorrer unha vez desbotada a idea da suspensión de licencias debido as graves consecuencias que isto carrearía para o Concello. O rexedor socialista defenderá pois a proposta ante a secretaria xeral de Urbanismo, pese a que os técnicos de Eptisa amosaron serias dúbidas acerca de que o ente autonómico autorice a modificación dadas as reticencias manifestadas en anteriores ocasións para utilizar este tipo de mecanismos de forma individualizada cando o PXOM na súa totalidade se atopa en trámite de revisión. Nestas circunstancias, para que a Xunta autorizase a modificación puntual, esta tería que estar xustificada nun interese público xeral.
Para facer máis forza na defensa os intereses de Vilagarcía, a reivindicación do sector do pequeno comercio local e o modelo de cidade que promove o goberno socialista, e para aportar todos os argumentos técnicos posibles, Varela acudirá á entrevista acompañado da concelleira de Urbanismo, Paola María e do Arquitecto da Oficina Técnica Municipal, Emilio Pumar.











