O alcalde de Cerdedo visita o Ceip San Xoan Bautista para comprobar as deficiencias do centro
Na mañá de hoxe o alcalde de Cerdedo acompañado de pais de alumnos, responsables do centro educativo e responsables da Xefatura Territorial da Consellería de Educación en Pontevedra visitaron o CEIP San Xoan Bautista de Cerdedo para analizar as deficiencias existentes que se agravaron coas choivas caídas nestes últimos días. O alcalde insistiulle aos responsables da Consellería da imperiosa necesidade de dotar unha partida económica para sufragar danos estruturais que ten o colexio, sendo os derivados da cuberta os máis preocupantes xa que está a entrar auga de forma importante no centro, facendo que mesmo se tivera que habilitar unha entrada provisional ao colexio. O problema é derivado dos canlóns existentes e dos baixantes que non son capaces de filtrar todo a auga que entra nos mesmos. Algúns deles están mesmo rotos e filtran a auga por completo. A maiores analizáronse outras deficiencias relacionadas co mal selado das portas e xanelas que fai que entre a auga e o vento coas molestias que conleva.
Desde a unidade técnica redactarase o correspondente informe para tentar emendar estes problemas coa maior celeridade.
O Concello tentou en varias anualidades realizar algunha destas actuacións pero foi totalmente imposible xa que non teñen competencias e iso impídelles actuar nas partes estruturais do centro, o que si están a facer son as reparacións máis pequenas e as tarefas de mantemento.