O actor lalinense Fran Lareu será o condutor do desfile da XLVIII Feira do Cocido
Lalín vivirá unha fin de semana cargada de actividades con motivo da XLVIII Feira do Cocido que celebra o seu día grande o próximo domingo, 31 de xaneiro. O desfile é un dos atractivos principais do evento gastronómico e sen dúbida é un dos actos que máis xente congrega en cada edición. Este ano a comitiva de carrozas, grupos de música, comparsas e entroidos que percorrerán as rúas, será dirixido polo recoñecido actor e músico lalinense, Fran Lareu. O artista será o encargado de conducir o desfile, comentando as singularidades da cada participante e informando ao público de todo o que vaia sucedendo no seu transcurso.
Lareu é Titulado Superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Textual. Tamén é un gran trompetista formado no conservatorio profesional de Lalín. A súa carreira no teatro é moi recoñecida. Traballou en varias compañías profesionais e foi nomeado a Mellor Actor Protagonista nos Premios María Casares 2013 e 2014 respectivamente. Na actualidade traballa como actor na serie de televisión O Faro para TVG e TV3.
Sábado
O Cocido encherá de actividade Lalín, xa, durante o día de mañá, cunha oferta lúdico-cultural que nos trae numerosas e novidosas propostas. A partir das 13.00 horas, no entorno do Quilómetro 0, terá lugar a intervención artística de Guillermo Aymerich, “Leite, viño e reivindicación no KM0”. Ás 16.30 horas comezará a gravarse na Praza da Igrexa o programa da Galega, Aquí Galicia, con entrada libre ao público. Dende as 19.00 horas, empezarán a soar polas rúas e establecementos de Lalín os cantares da primeira edición dos Cantos de Taberna, que se celebran en homenaxe a Pepe Fernández, coñecido como o acordeonista de Zobra. Logo, ás 20.00, o Abanca Lalín Arena acollerá a primeira edición do Festival de Bandas de Música do Concello de Lalín, no que participarán as catro agrupacións bandísticas do municipio, que rematarán o concerto tocando xuntas varias pezas.
Carpa Mahou
A carpa patrocinada por Mahou instalada no campo da feira dende hai máis dunha semana para acoller diferentes actividades relacionadas coa Feira, abriu hoxe novamente para acoller a mostra de gastronomía e produtos galegos. Esta mostra permanecerá aberta ao público durante toda a fin de semana e será visitada por milleiros de persoas no día grande da Feira do Cocido. Esta ano o Goberno de Lalín apostou por renovar a mostra gastronómica e darlle un toque de maior calidade. Para isto instalouse no campo da feira unha carpa moi vistosa e estética, totalmente transparente, con 70 metros de longo, por 20 de ancho e 10 de altura, que acollerá unicamente produtos alimentarios coa finalidade de darlle á Feira un enfoque unicamente gastronómico e cultural e afastala do concepto de “mercadillo”. A carpa Mahou permanecerá aberta mañá, de 10.30 a 20.00 horas e o domingo, de 09.30 a 20.00 horas.
Cocido do orgullo
A concelleira de cultura, Lara Rodríguez, avanzou esta mañá diferentes actividades que se desenvolverán no marco do día do denominado Cocido do Orgullo, que terá lugar a primeira fin de de marzo e que organizan as concellerías de Cultura e Muller e Igualdade. Esta iniciativa é unha das principais novidades do Cocido deste ano. O Goberno pretende con ela darlle protagonismo por primeira vez na historia da Feira ao colectivo LGTBI. Non obstante o Cocido do Orgullo “terá un claro compoñente lúdico-cultural, tendo en conta que a finalidade tamén é a de atraer xente a Lalín e dinamizar a actividade na vila”.
Deste xeito, o día 3 de marzo terán lugar proxeccións de filmes sobre a temática organizados en conxunto con Dezine. O día 4 celebrarase o I Seminario de educación afectivo sexual, ao que se convidarán aos alumnos dos diferentes centros educativos. O mesmo día, pola tarde, contarase coa presenza de Carla Antonelli e proxectarase o documental “A viaxe de Carla”.
Pola noite, celebrarase un festival para o que se están tratando de pechar as actuacións de Davide Salvado e das Supremas de Lugo, ademais da posible participación dun grupo local. Por outra banda, para o sábado día 5 estanse pechando as actuacións do grupo Debacas e da cantante Ses. Na mesma xornada terá lugar a comida do Cocido do Orgullo polos diferentes restaurantes de Lalín. Así mesmo, haberá unha mostra de zumba e representarase a obra teatral feminista en clave de humor, “No es país para coños” .
Dispositivo seguridade
Durante o día grande da Feira do Cocido desenvolverase un plan especial co que garantir a fluidez na circulación e a seguridade das milleiras de persoas que se acheguen a desfrutar dos actos da Feira. En liñas xerais este dispositivo buscará eludir as conglomeracións de vehículos no centro, de modo que aqueles visitantes que se acheguen no seu coche se vaian derivando cara a periferia -Regueiriño e Rolda Leste, principalmente- onde hai grandes espazos habilitados para o estacionamento. Do mesmo modo, os buses que se despracen a Lalín terán á súa disposición os aparcadoiros das grandes áreas comerciais do casco urbano.