Noriega ve no caso das monxas indias unha colisión entre xurisdición eclesiástica e civil
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, falou este martes co Arcebispado para coñecer máis información sobre o caso das monxas indias supostamente retidas nun convento de clausura da cidade, unha situación que, na súa opinión, se produce por unha “colisión entre a xurisdición eclesiástica e a xurisdición civil”.
En declaracións aos medios, Noriega apuntou que abriu unha “liña directa co Arcebispado” para estar ao tanto deste caso e que este martes falou telefonicamente co arcebispo, Julián Barrio, e co deán, Segundo Pérez.
Desta conversación, o rexedor compostelán desprendeu que este é “un caso no que claramente chocaron” ambas as xurisdicións. Neste sentido, apuntou que “as canles de funcionamento dunha institución” como un convento de clausura impoñen unha “dispensa” para abandonar os votos. “Nese ámbito a xurisdición civil é clara, non se pode reter a ninguén contra a súa vontade”, dixo Noriega, para quen “a guía ten que ser a xurisdición civil”.
Sobre este caso, Noriega apostou por “ser respectuosos” coa liña de investigación aberta sobre os feitos e instou a esperar “a ver como se depuran responsabilidades, no caso de que existan”.











