Noriega sinala que os deputados de En Marea actuarán con personalidade propia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta), censurou o actual “bloqueo político” á constitución de En Marea como grupo parlamentario propio no Congreso, pero asegurou que lle “consta” que os seis deputados que logrou a coalición -conformada por Podemos, Anova e Esquerda Unida- buscarán a “fórmula” de actuar con “personalidade propia”.

A preguntas dos medios de comunicación, Noriega declinou opinar sobre como deberían adscribirse os deputados de En Marea en caso de que non se poidan conformar en grupo. “Iso terano que decidir eles”, manifestou, antes de afirmar, a liña seguida, que lle “consta” que “teñen unha vontade de existir e ter unha dinámica propia” e que intentarán buscar “sempre” a “fórmula” que lles permita “garantir” esa idea.

Noriega, que observou que existe un “bloqueo político claro”, insistiu en que En Marea constitúe un proceso “propio” e considerou que “PP e Ciudadanos, e sorprendentemente PSOE, evidentemente, están a negar unha realidade”.

“Aquí non se presentou Podemos, presentouse un lugar de encontro, de diferentes fórmulas partidarias, plataformas cidadás e candidaturas municipalistas”, resaltou o rexedor compostelano, quen apelou a que así se “identifica claramente” dende hai uns tres anos.

De feito, remitiu ao propio “Ministerio do Interior” e ás diversas “lecturas mediáticas”, entre outras, para argumentar que tamén nestes casos se diferenciou a candidatura de confluencia da de Podemos á hora de contabilizar votos e deputados.

“REFLECTIR GRUPO PROPIO”

Por iso, Martiño Noriega reprochou que se “queira negar” esta realidade malia que se lles dixo que “non é unha cuestión económica” e que tamén están dispostos a axustar os “tempos”, senón que se trata dunha cuestión de “reflectir o grupo propio”.

“Algúns están a facer seguidismo dunha lectura interesada e unilateral do que debería ser algo plural. Ben, pois que sigan por ese camiño, pero é un camiño a superar”, sentenciou Noriega, quen volveu incidir en que onde “inscribirse” é unha cuestión que van ter que decidir eles” en función do “contexto”. “Pero cónstame que van buscar fórmulas para intentar exercer esa personalidade propia que teñen”, remachou.

GRUPO DE AGE CON OUTRA MARCHA

Sobre a situación do Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda -coalición electoral subscrita por Anova, Esquerda Unida, Equo e Espazo Ecosocialista en 2012 e que irrompeu con novo deputados-, tras a marcha da vicevoceira, Yolanda Díaz, ao Congreso e a perda doutra deputada procedente de Cerna (grupo que se escindiu da formación liderada por Xosé Manuel Beiras); Martiño Noriega atribuíu este escenario a que AGE “formou parte do inicio do proceso, pero é un proceso superado” por “arriba”.

Así, Noriega dixo que AGE -que agora queda con seis deputados, por detrás dos sete do BNG- ten que cumprir cunha tarea de “representación”, se ben recoñeceu que “sufriu as súas tensións propias dun proceso que está a empezar (no seu momento)”. “A día de hoxe, todo o mundo asume que AGE non vai ser a fórmula a volver empregar, superouse por elevación”, subliñou.

O alcalde compostelano defendeu que, “ademais da esquerda partidaria”, quen fai de “cemento destes procesos é a esquerda social e a esquerda das plataformas sociais”. “AGE cumpriu a súa función, no positivo e o negativo”, resolveu, antes de destacar que “seguiron evolucionando o proceso e os lugares de encontro”.

12 de xaneiro de 2016 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.