Noriega pedirá á ministra de Fomento un prazo para o túnel de Conxo e compromiso coa intermodal
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, explicou que, na reunión que manterá este martes coa ministra de Fomento, Ana Pastor, lle pedirá “transparentar” os prazos para a finalización da obra do túnel de Conxo, así como un compromiso coa estación intermodal e tempos para o remate das obras da AP-9.
A preguntas dos medios de comunicación, e tras reunirse en xunta de voceiros, Martiño Noriega explicou que, practicamente, o que se abordou na reunión foron os compromisos do Ministerio de Fomento.
Ao respecto, explicou que coincidiron en que, entre as prioridades, están o túnel de Conxo, ao respecto do que o rexedor aproveitará a reunión deste martes para “dunha vez por todas, transparentar os prazos reais que está a manexar” o departamento estatal, toda vez que é unha demanda dos veciños e comerciantes da zona.
En canto á intermodal, o Concello compostelano pedirá “coordinar” os esforzos de todas as administracións implicadas e que “non sexa só unha solución ferroviaria”, senón tamén peonil e a estación de autobuses. Neste sentido, recordou que lle “consta” unha petición da Xunta para reunirse con Adif e tamén “hai unha petición” para manter un encontro a catro bandas (Concello, Adif, Xunta e Fomento).
Finalmente, sobre a AP-9, o rexedor compostelano preguntará polas obras a licitación das cales non se iniciou, como a conexión co polígono da Sionlla.
TERMINAL VELLA DE LAVACOLLA
“Coincidimos todos en que son importantes eses tres elementos”, explicou Noriega, quen tamén indicou como outro asunto que estará na carteira, aínda que xa noutro plano, a vella terminal aeroportuaria de Lavacolla. “Pero entendemos que é complementario”, explicou.
Sobre esta cuestión, defendeu que todos os grupos con representación no Pazo de Raxoi acorden unha postura “única” sobre o que facer con este espazo. “Sería interesante non falar de propostas de cada un, senón de manter unha postura única e quedamos de falalo”, incidiu Noriega.
O rexedor da capital de Galicia recordou que en campaña electoral, tanto por parte de Compostela Aberta, coma doutras formacións como PP e PSOE se falou de empregar ese espazo para unha especialización en tráfico alleo máis alá de pasaxeiros, pero insistiu en que a idea é chegar a unha postura única de todos os grupos.
REUNIÓN COS VOCEIROS
Por outro lado, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, citou os voceiros dos grupos da oposición o próximo xoves para iniciar unha rolda de contactos individualizada na que abordarán o proxecto de presupostos municipais para este 2016.
O propio Noriega avanzara a semana pasada decidiu implicarse persoalmente nas negociacións das contas locais, que necesitan a facilitación dos grupos da oposición para que saian adiante, xa que Compostela Aberta goberna en minoría.
Esta rolda individualizada celebrarase á marxe dos encontros da comisión de presupostos que tamén está convocada para esta semana e na que todos os grupos teñen participación. “Quedamos emprazados para o xoves”, ratificou aos medios o rexedor compostelano.
Os presupostos municipais foron presentados a pasada semana pola concelleira María Rozas, quen citou como prioridades os investimentos no rural, a política social e a redución de gastos en asuntos como publicidade e propaganda, ademais dun paquete de actuacións de conservación dos espazos da cidade.











