Noriega e a concelleira de Políticas Sociais visitan a sede da Asociación Sarela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Noriega na visita á asociación Sarela

Noriega na visita á asociación Sarela

O alcalde e a concelleira de Políticas Sociais visitaron esta mañá o centro da Asociación de Dano Cerebral Sarela, situado no Castiñeiriño. Martiño Noriega e Concha Fernández quixeron coñecer de primeira man o traballo que desenvolve o colectivo nestas instalacións, así como as súas principais necesidades.

O presidente de Sarela, José Balboa, e a vicepresidenta, Concha Otero, foron os encargados de guiar ao alcalde e á concelleira na visita. O centro de día conta na actualidade con 23 usuarios, ás que hai que sumar outras 40 que acoden ás instalacións para participar en distintas terapias. Martiño Noriega e Concha Fernández puideron coñecer as salas especializadas do centro, e tamén tiveron ocasión de conversar cos especialistas en psicoloxía, fisioterapia ou educación social que desenvolven o seu labor en Sarela.

A vicepresidenta de Sarela aproveitou para lembrar algunhas demandas da Asociación, relacionadas co atraso na concesión das licenzas que permitirían habilitar o segundo andar do edificio e co acondicionamento do exterior do inmoble. O alcalde comprometeuse a axilizar os trámites no que dependa do Concello, e a habilitar fórmulas para que se poida acometer a limpeza das fincas lindeiras do edificio.

Martiño Noriega expresou a súa vontade de colaborar con Sarela, “que ao igual que outras entidades semellantes desenvolve un importante labor que mesmo cobre eivas nos servizos que prestan as Administracións públicas”.

26 de xaneiro de 2016 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.