Noriega considera difícil de entender que Felipe González pida o PSOE que facilite un goberno do PP
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, xulgou que é “difícil de entender” que “unha persoa que se di de Estado” como o expresidente do Goberno Felipe González pida ao seu partido, o PSOE, que facilite un goberno do PP á vista dos “signos evidentes de corrupción estrutural” na formación que lidera Mariano Rajoy.
“No medio de todos estes casos de corrupción, Felipe González pide que se facilite a PP e Ciudadanos gobernar. Cada un saberá onde está a súa responsabilidade… ou a súa irresponsabilidade”, remarcou, ao ser preguntado en rolda de prensa sobre a entrevista concedida polo exmandatario ao diario ‘El País’.
Acerca da situación política estatal, Noriega sinalou que o actual é “un momento histórico” no que o PSOE “ten unha decisión importante que adoptar”.
Ao fío diso, apreciou que os dirixentes socialistas se dividen en dúas faccións, aqueles que “están dispostos” a facilitar a apertura dun novo momento” e aqueles que “están a pechar filas e viven acantoados nos estertores do réxime do 78” cando este “presenta síntomas de absoluto esgotamento”.
Neste último grupo enmarcou o primeiro edil da capital galega “o efecto Lázaro de Felipe González”, quen, segundo as súas propias palabras, “aparece agora” para pedir que o PSOE “apuntale” ao PP no Executivo malia a súa “corrupción” e á súa “incapacidade de xerar maiorías”.











