Noriega avisa ao PSOE que sería un erro facer seguidismo do PP e Cidadáns para que En Marea non teña grupo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta), advertiu ao PSOE de que “sería un grave erro facer seguidismo do PP e Cidadáns” e impedir que En Marea, con seis deputados e un mínimo do 15 por cento de votos obtidos nas catro provincias galegas, se configure no Congreso cun grupo parlamentario propio.

A preguntas dos medios ao respecto das declaracións do líder socialista, Pedro Sánchez, recordando que o PSOE renunciou a que o PSC formase grupo propio, Martiño Noriega contestou que este “feito non significa que o resto do mundo teña que renunciar”.

O rexedor compostelano reiterou que En Marea é “unha candidatura con personalidade propia”, ademais de “recoñecida a nivel do Estado”, e na que “non só hai membros dunha expresión política, senón de diversas forzas e plataformas”. Por iso, reivindicou que constitúe “unha expresión política do país”.

“E se Pedro Sánchez está a pechar a porta a ese tipo de cuestións, está a facer unha relectura interesada”, acusou Martiño Noriega, quen sentenciou que sería “unha cuestión para tomar notar”. Así, concluíu que suporía “un grave erro por parte do PSOE facer seguidismo das lecturas do PP e Cidadáns”.

11 de xaneiro de 2016 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.