Noriega: “As candidaturas de unidade son o camiño á Xunta”
O alcalde de Santiago e dirixente de Anova -que forma parte da coalición En Marea-, Martiño Noriega, replicou este luns ao secretario xeral de Podemos Galicia, Breogán Riobóo, que as candidaturas de unidade “non entenden de sobrerrepresentación” e “van máis alá dunha lectura nacionalista”, polo que defende que “de seguir o seu camiño estarán en disposición de gobernar este país”, xa que as considera “o camiño” á Xunta.
O secretario xeral de Podemos Galicia, Breogán Riobóo, abriu a porta a pasada fin de semana a que a súa formación concorra en solitario ás próximas eleccións autonómicas, ao tempo que criticou que na coalición En Marea -conformada por Podemos, Anova e Esquerda Unida- houbo “sobrerrepresentación dalgunhas organizacións” e buscouse o voto “explicitamente nacionalista”.
Preguntado este luns por esas declaracións, Martiño Noriega dixo que mostra o seu “máximo respecto” a esas palabras, xa que son “un debate interno dunha forza política” e “non queda outra que o respectar”. Con todo, deixou claro que: “Eu son dos que opinan que o camiño que está en marcha dende hai tempo no país vai máis alá das estruturas partidarias, baseado na acumulación de forzas”.
Ao respecto, incidiu en que as candidaturas populares “están a ter un importante retorno pola cidadanía”, pois á parte de partidos políticos, integran tamén a “plataformas cívicas e candidaturas municipalistas”. Por iso, sostén que “ese é o camiño a explorar”.
Nesta liña, advirte de que “o lugar de encontro” das candidaturas de unidade “non entende de sobrerrepresentación”, pois “o lugar de encontro é un lugar novo, non de partes” e “é o que queda para construír para o futuro”.
“DISPUTAR A HEXEMONÍA AO PP Á XUNTA”
A liña seguido, reiterou que En Marea “está avalado por miles de homes e mulleres”, mentres que a fórmula de aglutinar forzas “está en disposición de seguir ese camiño de poder optar a disputar a hexemonía ao Partido Popular para a Xunta”.
Ademais, sobre as palabras de Riobóo, Noriega subliña que “os lugares de encontro da unidade popular van máis alá dunha lectura nacionalista”, “onde cada quen pon enriba da mesa o seu capital político”, “baseándose nun programa de ruptura e que aposte polo social”.
“Creo que os espazos que se están a construír no país dende fai polo menos catro anos son espazos mestizos, que entenden a emerxencia do momento,” sinala o dirixente de Anova que avoga por “seguir o seu camiño” para chegar á Xunta.











