Narón suspende o desfile de carrozas da Cabalgata Solidaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O Concello de Narón suspende o desfile de carrozas da Cabalgata Solidaria previsto para esta tarde pola estrada de Castela debido á continuidade de fenómenos meteorolóxicos adversos e á previsión de que a situación non mellore de cara á presente xornada. A edil de Acción Social, Catalina García, explicou que tras unha reunión mantida esta mañá no Consistorio acordouse anular o desfile que ía saír de Xuvia ás 16.00 horas e habilitar o pavillón da Mocidade da Gándara como punto de reunión das doce carrozas da Cabalgata Solidaria. As persoas interesadas en ver as construcións feitas polos veciños e veciñas das parroquias das zonas urbana e rural –cargadas de alimentos e produtos de hixiene doados pola veciñanza para o Centro de Recursos Solidarios de Narón- e a chegada dos Reis Magos á localidade poderán facelo nas citadas instalacións municipais entre as 16.00 e as 17.00 horas.

A partir das 17.30 horas manterase a programación prevista polo Concello na Praza de Galicia, coa chegada de Melchor, Gaspar, Baltasar e Artabán, o rei da solidaridade. A cita comezará coa recepción aos Reis Magos, que se dirixirán cun breve discurso aos nenos e nenas alí presentes para continuar a cita cunha xornada centrada na música e no baile. O nedense Dani Ríos cantará o vilancico “Narón brilla en Nadal” e os nenos e nenas das diferentes parroquias, acompañados polos maiores, cantarán unha panxoliña ensaiada nas últimas semanas nos locais sociais con motivo dos actos navideños. Como é tradicional, os máis pequenos poderán falar cos Reis Magos e fotografiarse con eles mentres reciben caramelos que se repartirán entre o público infantil.

5 de xaneiro de 2016 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.