Mudega apoia ao Calasancias de voleibol pola súa aposta pola normalización da transexualidade
A asociación Mulleres Deportistas Galegas (Mudegá) quere manifestar a súa satisfacción e apoio á decisión adoptada polo club Padre Faustino de voleibol (Calasancias), ao facer ficha á deportista transexual Antía Fernández, a cal debutará o domingo 24 de xaneiro no equipo B do club coruñés. Mudegá considera que esta medida é unha forma de normalizar a transexualidade na sociedade e no deporte. Antía Fernández é unha transexual que quería practicar deporte e sempre atopaba problemas para fichar por un club pola lexislación existente. Ata que o Club Padre Faustino (Calasancias da Coruña) decidiu dar un paso adiante e permitir a esta muller poder desenvolverse tamén no deporte.
O Calasancias presentou a solicitude de ficha para esta deportista ante a Federación Galega e esta foi concedida, polo que Antía poderá cumprir este domingo o seu soño. A deportista galega debutará o domingo 24 de xaneiro (12.00 horas) no Polideportivo do Colexio das Calasancias (A Coruña), no partido Calasancias Coruña B-C.V.A.B. da Segunda División Sénior Feminina. Mudegá considera que este feito é un paso importante adiante na integración social e permitirá darlle normalidade a transexualidade no deporte. Hai que recordar que para dar pasos adiante é necesario ir cambiando as normas, como leva sucedendo ao longo de toda a historia para permitir a participación das mulleres en competicións deportivas.











