Medela e Alonso viaxarán con veciños de Zobra á Coruña para estudar o funcionamento dunha depuradora ecolóxica
Os concelleiros delegados de Rural e de Medio Ambiente, Miguel Medela e Celia Alonso, viaxarán o vindeiro martes á Coruña, acompañados por representantes veciñais da parroquia de Zobra, para estudar o funcionamento dun sistema de depuración ecolóxico e valorar a súa posible instalación como parte do proxecto de saneamento plantexado para dita parroquia. Esta depuradora, ao igual que a que xa se visitara na Cañiza no mes de setembro, consegue, mediante un modelo que emprega lodos e plantas, unha alta depuración das augas residuais. Non obstante, a instalación que se visitará o martes, nun principio convence máis aos responsables municipais “por ser unha patente totalmente galega (neste caso desenvolvida por investigadores da UDC (Universidade da Coruña)”, explicou Alonso.
O Goberno de Lalín, ten a intención de implantar sistemas de depuración respectuosos co medio ambiente no rural de Lalín, “máis cando se detectaron tantos problemas no funcionamento das vellas depuradoras instaladas polo anterior goberno do PP”. Con estas visitas o Concello pretende que sexan tamén os veciños quen comproben de primeira man a funcionalidade e a eficacia dos modelos de depuración ecolóxica, que o actual Goberno pretende fomentar.
O mércores pola noite, ao día seguinte de levarse a cabo a comprobación in situ, celebrarase en Zobra unha reunión informativa sobre o proxecto, na que se valorará a viabilidade de instalar este sistema e na que tamén se tratará de avanzar no proceso de cesión dos terreos necesarios para a disposición da nova depuradora.
Pola súa parte, o alcalde, Rafael Cuíña, fixo fincapé en que o proxecto de saneamento da parroquia de Zobra “é un dos máis ambiciosos e ilusionantes dos que levaremos a cabo ao longo deste mandato, en busca da dignificación e dignificación do rural e, en particular, desta parroquia”. “Zobra conta cunha enorme singularidade e cuns valores patrimoniais e ambientais extraordinarios, polo que a temos que sacar do século XVII no que a deixaron”, explicou o rexedor.
Neste senso afirmou que “aínda que queda moito por facer e que a complexidade deste proxecto é moi grande, no Concello temos a plena confianza e a seguridade absoluta de que o poderemos sacar a diante con éxito, contando tamén coa inestimable boa disposición dos veciños de Zobra, que nos demandan esta obra con urxencia”.











