Máis de 200 cativos tiveron un agasallo a través da campaña de recollida de xoguetes organizada polo Concello de Ames
A campaña “En Ames todos xogamos” de recollida de xoguetes xa repartiu, coa axuda dos Reis Magos, as doazóns entregadas polos amesáns e amesás ao longo do mes de decembro. A campaña, que fora posta en marcha pola concellaría de Participación, Atención Veciñal e Promoción Económica, recolleu a través da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, xoguetes que foron destinados a máis de 200 nenos e nenas de aproximadamente 100 familias repartidas entre Bertamiráns e O Milladoiro.
A campaña de recollida de xoguetes doados permaneceu activa ata o 29 de decembro de 2015. Durante ese mes chegaron ás Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro obxectos novos ou de segunda man, todos eles en moi bo estado, como puzzles, bonecos, peluches e, sobre todo, xoguetes pensados para os bebés, os máis pequenos da casa. Moitos dos xoguetes que recibiron os máis de 200 nenos de Ames eran electrónicos, doáronse tamén algunha bicicleta e correpasillos, que foron os máis demandados.
A través desta campaña axudouse a aquelas familias que máis o necesitaban, aportándolles agasallos para os cativos e cativas de ata 10 anos doados polos veciños/as de Ames. Os numerosos agasallos cumprían os tres requisitos anunciados pola concellaría de Participación e Atención Veciñal: estar en bo estado, non ter carácter bélico, e non posúir un carácter sexista.











