López-Chaves pide colaboración ao Concello de Vigo para dar a coñecer os programas para evitar desafiuzamentos
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, solicitou esta mañá colaboración ao Concello de Vigo para dar a coñecer os programas que a Administración autonómica ten en marcha para evitar os desafiuzamentos.
Segundo considerou López-Chaves, o goberno local, e máis concretamente os servizos sociais municipais, son os responsables de estar “en contacto directo” coas familias que máis o necesiten ou afectadas por posibles situacións de desafiuzamento. Informou así que a Xunta de Galicia puxo en marcha diversos programas para evitar este tipo de situacións ben sexa por execucións hipotecarias ou por impago do alugueiro das familias.
Neste senso, lembrou que o Goberno galego está a por solucións na cidade olívica para que ningunha familia se quede na rúa “por non ser atendida polo Concello de Vigo” e recordou que nos últimos meses e grazas a estas medidas un total de 5 familias viguesas conseguiron un piso evitando así un desafiuzamento. Sen ir máis lonxe, unha delas solucionou o seu problema antes das datas de Nadal cando se lle fixo entrega das chaves do seu novo piso grazas aos programas postos en marcha pola Xunta.
A maiores, López-Chaves aclarou que o pasado mes de outubro, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, dirixiu unha carta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, informando do novo Bono de Alugueiro Social, cuxa convocatoria de axudas está aberta dende o pasado 30 de decembro cun investimento total de 4 millóns de euros, co obxectivo de solicitarlle que contribuíse a aconsellar a familias afectadas a solicitude destas axudas que pon a súa disposición a Xunta de Galicia.
Debido ao novo caso recentemente coñecido dunha familia viguesa que está en risco de desafiuzamento, o delegado considerou que o goberno local “parece que non informa” deste tipo de medidas implantadas. “Dende a Xunta queremos informar pero a información directa é a través dos servizos sociais”, dixo preguntándose “cómo o concello que é o responsable de estar en contacto directo coas familias non puxo en coñecemento a existencia deste bono de alugueiro que a través do IGVS se pon a disposición das familias que polas súas circunstancias se atopen nunha situación de desafiuzamento”. Por último, especificou que representantes desta familia xa se puxeron en contacto coa Xunta e que a vindeira semana haberá unha reunión para poder contar cunha solución.
O Bono de Alugueiro Social establece unha axuda de 150 euros mensuais por un período de doce meses que podería prorrogarse ata un máximo de dous anos. E, de igual xeito, a maiores, dispón unha axuda adicional de 450 euros para cubrir os gastos de formalización dun novo contrato de alugueiro ou para atender os pagamentos pendentes se permanecesen na mesma vivenda. Este bono ten como potenciais beneficiarios as persoas con problemas económicos que non poidan pagar a renda do alugueiro e afronten unha demanda xudicial de desafiuzamento por este motivo, ou teñan unha resolución xudicial que ordene o desaloxo do edificio.
Área Metropolitana
O delegado da Xunta aproveitou tamén a rolda de prensa para valorar a nova postura do alcalde de Vigo respecto á reunión convocada o 19 de xaneiro para tratar a Área Metropolitana. Deste xeito, considerou que Caballero “segue sen ter excesivo interese” polo asunto posto que “agora di que ten reunión en Madrid”.
É por isto polo que debe establecer un “sistema de preferencias” porque, para López-Chaves, “primeiro é ser alcalde e o segundo é todo o demais”. “Espero que recapacite e asista á reunión do día 19 e non faga coma nos demais casos e busque escusas”, finalizou.











