López-Chaves: “o Concello de Vigo non cedeu nin entregou os terreos para a Cidade da Xustiza”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, realizou esta mañá declaracións aos medios nos terreos próximos onde se construirá a futura Cidade da Xustiza para deixar claro que o Concello de Vigo “non cedeu nin entregou os terreos” ao Goberno galego.

Coma lembrou, hai dous meses estivo na mesma zona para reclamar ao alcalde vigués, Abel Caballero, que cedese a parcela necesaria para o futuro edificio xudicial canto antes pero, a día de hoxe, “a situación é a mesma” matizando ademais que o rexedor falta á realidade. “Non é verdade o que di de que o Concello entregou ou cedeu os terreos á Xunta. Non é certo cando o dixo hai tres meses, tampouco cando o dixo en novembro e tampouco cando o dixo onte. Os terreos non están a disposición da Xunta nin entregados”, salientou.

E o demostrou con documentos na man ensinando as notas simples informativas do Rexistro da Propiedade que se refiren ás parcelas contempladas no proxecto. “Os terreos seguen a estar a nome dos seus propietarios, nin sequera están a nome do Concello”, subliñou o delegado, quen criticou a Caballero por “continuar enganando aos vigueses” chegando así a cualificalo de “multiplicador de falsidades”. Segundo considerou López-Chaves, o alcalde “está a afirmar dende hai meses que os terreos están a disposición da Xunta” pero “non é certo” porque “o Concello nin sequera os ten hoxe ao seu nome no Rexistro da Propiedade”. É por isto polo que lle pediu “celeridade” posto que “levamos seis anos e medio esperando polos terreos” agardando que os trámites rematen canto antes. “Algún día os entregará pero cando cumpra todos os trámites será cando os poida entregar”.

Por último, sinalou que os vigueses “saben quen é o responsable do retraso” na construción da Cidade da Xustiza garantindo que a Xunta cumpre coas súas obrigas xa que “temos o orzamento, o anteproxecto e incluso estamos a buscar unha solución ao problema urbanístico xerado coma consecuencia da anulación do PXOM aprobado por Caballero e pola que hoxe é concelleira de Urbanismo, María José Caride. Soamente fai falla que entreguen os terreos”, rematou.

Aparcadoiro Hospital Álvaro Cunqueiro

Por outra banda, o delegado volveu a reclamarlle a Caballero que “non busque escusas” e constrúa o aparcadoiro público “que prometeu hai catro meses” no contorno do Hospital Álvaro Cunqueiro. “Prometeu que ía a estar en primavera pero non é certo porque non iniciou as obras e non obtivo as autorizacións precisas para iniciar o proxecto. Agora está a buscar escusas para non facer as obras”, resaltou.

Ademais, amosouse “sorprendido” polo feito de que o presidente da FEMP “chame ao incumprimento e desacato” á normativa en materia de concesións de partes públicos pola súa actitude de cara ao aparcadoiro soterrado existente no HAC. “Parece que ten unha actitude próxima a Podemos”, sinalou reclamando novamente ao rexedor “que cumpra o seu compromiso” no que respecta á construción do aparcadoiro público nuns terreos cedidos pola Zona Franca. “Caballero está a buscar escusas para non facer o que prometeu e cumprir a súa palabra de construír o aparcadoiro público que dixo”, finalizou.

28 de xaneiro de 2016 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.