publicidade hoxe

Francisco Conde destaca a aposta do grupo Docampo por investir en innovación para competir

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcarei
A-
A+
Francisco Conde na visita ao grupo Docampo

Francisco Conde na visita ao grupo Docampo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe en Forcarei o grupo do Docampo, que está a xerar na comarca de Tabeirós-Terra de Montes preto de 300 postos de traballo. Trátase dun grupo empresarial que naceu hai preto de 30 anos como un pequeno obradoiro para fabricar pan e pasteis artesáns e hoxe en día converteuse nun grupo industrial formado por varias firmas, como é Panaderías A´Devesa. Neste senso, Conde indicou que coa innovación tecnolóxica e unha “aposta decidida” polo capital humano unha empresa tradicional pódese converter nun proxecto industrial.

O titular do departamento autonómico destacou, polo tanto, a importancia de investir en innovación para mellorar a competitividade das empresas galegas e contribuír, ademais, a fixar o tecido industrial no rural galego. Sinalou, ao respecto, que o proxecto do grupo Docampo é “unha aposta clara pola industria en Galicia”. Ademais, explicou que a nova planta da empresa, que contou cun investimento de preto de 10 millóns de euros, xera riqueza nesta comarca e permite ao rural galego contribuír ao desenvolvemento industrial de Galicia.

Neste senso, a Xunta vén de incrementar o orzamento para as políticas de innovación un 7,5% ata acadar os 61 millóns de euros para axudar ás empresas galegas e pemes a crecer desde o coñecemento.

O titular de Economía explicou, así mesmo, que a modernización das empresas permite unha expansión a nivel nacional e dá a oportunidade tamén ás pemes de iniciar procesos de internacionalización. Así, o Goberno galego acaba de reforzar o seu compromiso coa Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 destinando 25 millóns de euros “ao avance dun factor que está a ser clave na recuperación da nosa economía”.

Por último, destacou que a innovación e a internacionalización son clave para ser cada día máis competitivo e, por tanto, dúas prioridades da Xunta para afrontar os novos retos que está a marcar a industria. Neste senso, lembrou a aposta da Xunta pola Industria 4.0.

13 de xaneiro de 2016 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.