Francisco Conde avoga por reforzar a cooperación co tecido empresarial de Vigo

Francisco Conde no encontro con empresarios no Consorcio da Zona Franca de Vigo
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou este mediodía nun encontro de traballo con empresarios celebrado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, no que avogou por manter e reforzar a cooperación co tecido empresarial da comarca para seguir a impulsar a recuperación e a creación de emprego. Para acadar este obxectivo, Conde subliñou que o seu departamento ten activado xa no que vai de ano distintas liñas de apoio que suman 185 millóns de euros.
Durante o encontro, que permitiu escoitar as propostas e inquedanzas do empresariado vigués, o conselleiro explicou que estas liñas perseguen facilitar investimentos que impulsen novas ideas e proxectos, fomentar a internacionalización e a innovación das pemes, e potenciar a creación de postos de traballo. “Seguimos a traballar en áreas estratéxicas para Vigo, aumentando os recursos de financiamento e apostando pola modernización industrial”, incidiu Conde.
Neste sentido, a Consellería suma nestes momentos 22 millóns de euros que permitirán, entre outras cousa, facilitar ás pemes novas iniciativas que prioricen o emprego, promover a creación de empresas por parte dos emprendedores, e avanzar no camiño cara a Industria 4.0 cunha liña pioneira que impulsará proxectos demostrativos no ámbito da fábrica intelixente.
Así mesmo, Conde avogou por seguir a cooperar en materia de innovación, obxectivo para o que se ten activado unha nova convocatoria do Conecta Pemes, que conta este ano cun orzamento de 25 millóns de euros. Este programa, lembrou, xa ten beneficiado ata o de agora a un centenar de compañías na provincia que están a participar en proxectos colaborativos de innovación.
“Desta forma melloramos a competitividade do noso tecido produtivo incrementando, tamén, a súa capacidade exportadora”, apuntou o conselleiro. Neste campo da internacionalización, subliñou, téñense activado xa liñas de actuacións que suman 9,5 millóns e que permitirán reforzar o interese da comarca pola procura de novos mercados, con máis de 1.000 proxectos impulsados neste eido a través do Igape nos últimos 7 anos.
Neste contexto, Conde sinalou que a cooperación e o traballo conxunto nestes e noutros campos, como o da eficiencia enerxética, o comercio de proximidade ou o emprego, ten permitido á Consellería mobilizar preto de 360 millóns no concello de Vigo desde o ano 2009.
Encontro empresarial en Mos
No marco destas xuntanzas con empresarios, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria se reunirá hoxe pola tarde, na Axencia de Colocación de Mos, con representantes da Asociación de Empresarios da localidade. O encontro permitirá seguir a escoitar as propostas dos participantes, e avaliar as diferentes liñas de actuación conxuntas para seguir a dinamizar a economía local.











