Ferreiro destaca que “para que xurdan moitas máis figuras como a do doutor Ángel Carracedo é necesario mimar a educación pública”

Ferreiro co doutor Carracedo
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou este mércores a conferencia que o doutor Ángel Carracedo ofreceu no IES Eusebio da Guarda, organizada pola Fundación Ingada (Instituto Galego do Déficit de Atención e Trastornos Asociados), da que é presidente. No acto, o rexedor destacou a figura de Carracedo, quen tamén é director da Fundación Pública de Mediciña Xenómica e responsable do Centro Nacional do Xenotipado e do Instituto de Mediciña Legal da Universidade de Santiago de Compostela. O rexedor destacou que “figuras como a do doutor son as que fan que esta terra vaia xirando e avanzando”. “Persoas que co seu estudo, formación continua e esforzo lograron que Galicia e A Coruña se sitúen no mapa da cartografía científica”, dixo.
“Á Coruña é unha cidade de ciencias. Vémolo nos seus museos científicos, na súa universidade e neste escenario, o IES Eusebio da Guarda, centro público que cumpriu 125 anos hai uns meses”, indicou o primeiro edil coruñés. “Para seguir a ser unha cidade de ciencias, para que destes muros saian moitos máis científicos e científicas como Ángel Carracedo, para que a Universidade siga chea, é necesario fomentar e mimar a educación pública, e non permitir xamais que os recortes recaian sobre ela, que se nos substraia un dereito que debe ser intocable, como o acceso universal á sanidade”, insistiu.
Ferreiro tamén destacou o amplo curriculum de Carracedo, doutor honoris causas por varias universidades, e galardoado de forma múltiple polos seus traballos, tendo recibido o Premio Novoa Santos, a Medalla Castelao, o Premio Galicia de Investigación ou o Rey Jaime I, cuxo xurado estivo formado por 21 premios noveis. “O Instituto de Ciencias Forenses da USC e o doutor Carracedo lideran a produción científica mundial na área de mediciña legal e forense. Non fai falla ir ao estranxeiro. Hai que traballar arreo e as institucións deben permitir que os e as estudantes poidan facelo, coidando á educación pública”, comentou.











