Feijóo felicita a Rebelo de Sousa polo apoio acadado nas eleccións portuguesas
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enviou hoxe unha misiva ao novo presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, para felicitalo polo “apoio maioritario” acadado nas eleccións celebradas onte.
Neste senso, o máximo responsable autonómico puxo en valor que o pobo veciño elixise a un candidato que aposta polo diálogo e o acordo e que “sen dúbida, saberá garantir a estabilidade política de Portugal”.
Por outra banda, Feijóo destacou a “excelente” relación da Galicia co país luso e lembrou que nos últimos anos a Comunidade tivo “a inmensa honra” de recibir ao seu antecesor no cargo en diversas ocasións, unha delas con motivo da sinatura dun memorando de entendemento para a difusión da lingua portuguesa en Galicia.
Con respecto a isto, amosou a súa confianza en que nesta nova etapa se poidan “seguir consolidando os especiais vínculos entre Galicia e Portugal”.











