Facultativos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra imparten un curso de reanimación cardiopulmonar avanzada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

Facultativos da UCI (unidade de coidados intensivos) do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, coordinados polo doutor José Luís Martínez Melgar e pola Comisión de Docencia do Complexo pontevedrés -que dirixe o doutor Cristóbal Galbán- imparten no hospital Montecelo durante a presente e a vindeira semana e en horario de tarde, a 14ª edición do Curso de Reanimación Cardiopulmonar Avanzada.

Esta actividade docente conta co aval do Plan Nacional de Reanimación Cardiopulmonar e a Sociedade Española de Medicina Intensiva, Críticos e Unidades Coronarias (Semicyuc) e a European Resucitation Council (ERC), e vai dirixida a 32 facultativos internos residentes -MIR- que se forman na área de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés. Nesta 14ª edición do curso impártense clases teórico-prácticas relacionadas co soporte vital avanzado que reciben os pacientes en situación de parada cardiorrespiratoria.

Así, dende a tarde do pasado luns 18 de xaneiro, o Curso de Reanimación Cardiopulmonar Avanzada está a analizar protocolos de actuación e cadros patolóxicos que presentan os pacientes en diversas situacións críticas, dacordo coas recomendacións da European Resucitation Council (ERC)recentemente publicadas en outubro de 2015. 

Simulación práctica de casos

O Curso de Reanimación Cardiopulmonar Avanzada tamén está a efectuar ao longo desta semana numerosas simulacións prácticas interactivas, que analizan as atencións iniciais a pacientes con patoloxías críticas. 

Así mesmo, o programa deste curso incide no estudo e aplicación interactiva por parte dos facultativos internos residentes doutros protocolos asistenciais efectuados a pacientes con síndromes coronarios agudos e situacións especiais do doente crítico. 

Esta actividade docente rematará o vindeiro venres 22 de xaneiro na súa primeira edición no hospital Montecelo, cunha avaliación global teórica e práctica polos facultativos docentes, que se complementará coa execución de novas simulacións de casos efectuadas polos médicos internos residentes, nas que se supervisará a eficacia e calidade das técnicas aplicadas. O hospital Montecelo celebrará unha segunda edición deste curso a semana dos vindeiros 25 ao 29 de xaneiro.

19 de xaneiro de 2016 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.