publicidade hoxe

Ethel Vázquez sinala que os traballos de conexión da Autovía da Costa da Morte coa AG-55 achegan á súa posta en servizo en verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaCarballoLocal Portada
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ás obras. Foto: M. Fuentes

Ethel Vázquez na visita ás obras. Foto: M. Fuentes

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, subliñou hoxe que o inicio dos traballos de conexión da Autovía da Costa da Morte coa AG-55 (A Coruña-Carballo) representa un fito nas obras que nos achega á súa posta en servizo no vindeiro verán. A titular de Infraestruturas do Goberno galego supervisou o inicio destes labores acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e de alcaldes dos concellos polos que discorre esta vía de altas prestacións.

Ethel Vázquez sinala que a autovía da Costa da Morte se atopa executada nun 73%, e nas súas obras xa están estendidos 20 quilómetros da primeira capa de aglomerado.

Segundo subliñou, a conexión da nova Autovía coa AG-55 é unha actuación para a que é necesario articular desvíos de tráfico que hoxe se explicaron directamente aos alcaldes dos concellos polos que se desenvolve a autovía. Estes desvíos realízanse de xeito eficiente e os viais provisionais que se teñen que construír serán feitos para que logo sirvan de ramais do enlace, permitindo aforros económicos e aforros de tempo na execución das obras.

A conselleira agradeceu aos traballadores, corpos de seguridade e veciños a súa paciencia e colaboración co desenvolvemento destes traballos.

Vázquez destacou o cumprimento do compromiso por parte do Goberno galego para que este verán esta autovía sexa unha realidade que mellorará a seguridade viaria, a competitividade e, en conxunto, a calidade de vida dos veciños e veciñas da Costa da Morte.

A titular de Infraestruturas indicou que os usuarios desta vía van contar con máis de 27 km. de autovía libre de peaxe para conectalos co resto de Galicia e de España. Para iso, a Xunta está a poñer os medios necesarios para impulsar a execución deste proxecto, contando así con preto de 250 operarios e 130 máquinas.

27 de xaneiro de 2016 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.