publicidade hoxe

Ethel Vázquez esíxelle á concesionaria da autoestrada Santiago-Brión axilidade para garantir a seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Ethel Vázquez na visita á zona de desprendementos da AG-56

Ethel Vázquez na visita á zona de desprendementos da AG-56

Ethel Vázquez esíxelle á concesionaria da autoestrada Santiago-Brión (AG-56) axilidade nas actuacións para garantir a seguridade viaria e evitar incidencias como as ocasionadas polo temporal. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda visitou hoxe a zona da AG-56 afectada polo desprendemento dun noiro por mor da recente meteoroloxía adversa e reuniuse con representantes da concesionaria, aos que lle solicitou inmediatez na sinalización do desvío.

A titular de Infraestruturas avaliou hoxe cos técnicos da concesionaria as distintas alternativas para solucionar definitivamente esta situación na citada autoestrada e que á maior brevidade os usuarios poidan transitar con total normalidade e seguridade.

A conselleira indicou que se actuou con inmediatez, adoptando as medidas iniciais urxentes; e agora estase a traballar con responsabilidade, esixíndolle á empresa concesionaria premura na busca da solución e que execute e costee os traballos que mellor garantan a seguridade viaria.

O derrubamento deste noiro na AG-56, a autovía que une Santiago e Brión, obriga a manter cortado un dos carrís en dirección a Compostela, así como o ramal de entrada á autovía neste punto (enlace Bertamiráns Norte).

Vázquez explicou que tan pronto como se tivo constancia desta incidencia -que se produciu á primeira hora do pasado sábado 9 de xaneiro-, activáronse os medios necesarios para retirar o material desprendido e para restablecer a circulación, quedando aberto ao tráfico o carril esquerdo esa mesma tarde.

40 incidencias solucionadas nas estradas
Cómpre lembrar que o temporal de chuvia e vento rexistrado nos primeiros días de xaneiro provocou incidencias en varios puntos da rede autonómica de estradas. Segundo o informe elaborado pola Axencia Galega de Infraestruturas –que onte mesmo avaliou o Consello da Xunta- contabilizáronse un total de 47 incidencias nas estradas galegas a consecuencia da climatoloxía adversa

Ethel Vázquez concretou que grazas á mobilización de medios, materiais e humanos, do persoal técnico e dos equipos de traballo das empresas de conservación e da propia AXI, a meirande parte destas incidencias -40 das 47 rexistradas- xa están solucionadas. Engadiu que isto permite que actualmente se poida circular con normalidade e en condicións de seguridade polas estradas autonómicas.

15 de xaneiro de 2016 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.