Elíxese o IX Goberno Municipal Infantil no que participan cativos de catros centros educativos de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

Este martes, 19 de xaneiro, tivo lugar a elección do IX Goberno Municipal Infantil, no salón de actos do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, coa participación dun centenar de alumnos dos colexios Illa Verde, Menéndez Pelayo, Anexa e Rosalía de Castro. A sesión comezou co saúdo e benvida do Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, aos alumnos e mestres, explicando o sistema de puntuación para elixir Alcalde ou Alcaldesa infantil e concelleiros ou concelleiras infantís.

Seguidamente, fíxose un sorteo para a orde de exposición dos traballos feitos polos colexios, consistentes nun proxecto de cidade, coas cousas que, baixo o punto de vista dos rapaces e rapazas, precisa a cidade de Lugo. Mentres un colexio expoñía o seu traballo, os restantes puntuaban as áreas correspondentes, calculando ao final das exposicións que colexio tería máis puntos, acadando así a Alcaldía, para logo facer o reparto de concellerías.

Neste senso, o IX Goberno Municipal Infantil quedou elixido do seguinte xeito:

– O Colexio Illa Verde con 676 votos; a Alcaldía e unha área de goberno, cun total de 7 representantes.
– O Colexio Menéndez Pelayo con 641 votos; dúas áreas de goberno e 6 representantes
– O Colexio Anexa con 618 votos; dúas áreas de goberno e 6 representantes
– O Colexio Rosalía de Castro con 566 votos; dúas áreas de goberno e 6 representantes.

Proximamente terá lugar a constitución deste goberno infantil, nunha sesión na que tamén participarán a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada por membros da Corporación Municipal.

19 de xaneiro de 2016 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.