Doce empresas presentan as súas ofertas para a posta en valor da Ponte Vella de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

Doce empresas presentaron as súas ofertas para levar a cabo as primeiras obras de posta en valor do Ponte Vella, en Ourense, que se centrarán na reparación da calzada e a renovación da iluminación. O Goberno galego, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, financia este proxecto, que terá un prazo de execución de 3 meses, mediante a achega económica de máis de 314.000 euros.

O Consello da Xunta autorizaba nos pasados días a licitación destas actuacións, que forman parte da primeira fase das obras previstas na Ponte, na que a Consellería de Cultura tamén realizará traballos de retirada da condución de abastecemento e restauración do quebraondas nun dos piares. O Goberno galego destinará unha achega dun total de 520.000 euros para levar a cabo os traballos executados por ambas as consellerías nesta primeira etapa.

Con estas obras, actuarase en primeiro lugar na calzada, na que se igualará o pavimento, empregando como único material o bloque de pedra. Ademais, substituirase a capa de formigón que existe nos apartadoiros e pavimentarase o único treito en terra que existe.

Neste proxecto destaca sobre todo a substitución da iluminación, xa que a actual quedou obsoleta e mingua o valor estético do monumento. Para iso, mudaranse as actuais luminarias e os grandes focos que proxectan a luz cara aos alzados da ponte e optarase por sistemas de leds, que mellorarán a estética, realzando a monumentalidade da estrutura, ademais de acadar unha maior eficiencia enerxética, un aforro no consumo e unha menor contaminación lumínica.

Como medidas complementarias, eliminaranse graffiti pintados na ponte e nas edificacións anexas, retirarase mobiliario urbano e outros elementos engadidos á fábrica da ponte, aplicaranse tratamentos de fosilización dos troncos das árbores enraizadas na fábrica, limparase a maleza e rarearanse as árbores que medran baixo os arcos e nunha franxa próxima á ponte. Tamén se acondicionará un camiño peonil que discorre baixo un dos arcos, mellorando a comodidade e seguridade viaria dos viandantes.

Dende o Goberno galego avánzase así nas actuacións previstas para contribuír ao bo mantemento do que é un dos principais emblemas e reclamos turísticos da cidade de Ourense. Así, na pasada primavera realizáronse os labores de limpeza máis urxentes, e continúase agora coas medidas programadas para a posta en valor deste ben patrimonial.

11 de xaneiro de 2016 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.