Díaz Mouteira destaca a aposta pola cooperación transfronteiriza na sinatura dun convenio entre a localidade portuguesa de Montealegre e Expourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorOurense
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asistiu esta tarde na localidade lusa de Montealegre ao acto de sinatura dun convenio de colaboración asinado entre a Cámara Municipal desta localidade portuguesa e Expourense para a promoción mutua dos eventos que organizan ámbalas dúas entidades. Este acto celebrouse no marco do vinte e cinco aniversario da Feira do Fumeiro e Presunto de Barroso e serviu tamén para promocionar a vindeira edición do Salón Internacional de Gastronomía e Turismo, Xantar.

Díaz Mouteira, que acudiu ao acto en calidade de representante do Goberno galego e membro da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, destacou a aposta da Xunta de Galicia pola cooperación transfronteiriza. “Fixemos das fronteiras unha ferramenta de crecemento, en lugar de elementos de división ou separación”,asegurou.

A delegada territorial amosouse satisfeita polo exemplo de cooperación transfronteiriza que supoñen as relacións entre ámbalas dúas entidades que hoxe asinan un convenio que “suma esforzos e que garante a promoción das súas actividades e a visita de galegos a Montealegre e de portugueses á cidade de Ourense.” Díaz Mouteira matizou que esta estratexia ademais de pór en valor a gastronomía, a artesanía ou o turismo propio de cada rexión, fomenta novas dinámicas que posibilitan novas oportunidades para as economías locais. Así subliñou que “Montealegre e Expourense son agora socios estratéxicos e xuntos traballaremos para dinamizar o turismo e as actividades socioeconómicas de ambos lados da Eurorrexión. Portugal é un piar fundamental en Xantar, tanto a nivel de expositores como visitantes, e agardamos que siga sendo así.

Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, celebrará en Ourense entre o 3 e o 7 de febreiro de 2016 a súa 17ª edición posicionando á gastronomía como motivación turística de primeiro nivel e ofrecendo ao visitante a posibilidade de asomarse a esta ventá gastronómica internacional que presenta os sabores de España, Portugal e de México, que este ano será o país convidado representado polo Estado de Morelos. A localidade de Montealegre será un dos protagonistas deste certame, contando cun stand promocional e cunha xornada monográfica, que se celebrará o venres, 5 de febreiro.

21 de xaneiro de 2016 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.