Darío Campos non descarta que se prorroguen os presupostos
O presidente da deputación de Lugo, Darío Campos, non descartou que se teñan que prorrogar os presupostos provinciais, se non se alcanza un acordo co Partido Popular ou co deputado non adscrito e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez.
Interpelado por esta cuestión tras a sinatura dun convenio no Pazo de San Marcos, Darío Campos respondeu que “obviamente”, posto que é unha posibilidade “que a lei nos permite”. Con todo, considerou que “para non parar a inversión en proxectos importantes sería interesante sacalos adiante”.
Por iso, o presidente da institución provincial apelou á “responsabilidade” dos outros grupos políticos. “Estamos dispostos a negociar e a falar”, deixou caer.
Campos asegurou que os presupostos cos que traballa o goberno bipartito “son xenerosos e bos para a provincia”. “Esperemos que por responsabilidade dos distintos grupos políticos se leven a cabo”, implorou.
Así mesmo, mostrouse aberto a algunha “pequena modificación, porqué poden ser boas, aínda que non nos queremos desviar moito da nosa formulación inicial”.
O goberno de socialistas e nacionalistas, con dez e dous deputados respectivamente, depende do voto do grupo popular, maioritario con doce, e do non adscrito, Manuel Martínez, que xa anunciou que para avalar as contas se ten que comprometer unha inversión de cinco millóns de euros no concello de Becerreá para un xeriátrico.











