publicidade hoxe

Cultura organiza o 16 de febreiro unha xornada ao redor da vida e obra do fotógrafo galego José Suárez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaAllarizLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza o vindeiro 16 de febreiro a partir das 16:30 horas unha xornada ao redor da figura do fotógrafo galego José Suárez, a quen a Cidade da Cultura lle dedica unha mostra retrospectiva da súa vida e obra no Museo Centro Gaiás baixo o título ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’.

Varios expertos analizarán en ‘A ollada da dignidade’ a conexión coa intelectualidade do seu tempo, a relación estética coas vangardas europeas, a capacidade para capturar a dignidade do ser humano, o seu cosmopolita periplo vital, o seu compromiso ético e o inexplicable esquecemento da súa figura.

Tras o aprazamento da xornada –inicialmente programada para o 17 de decembro-, ‘A ollada da dignidade’ contará coa presenza de Juan Manuel Bonet, un dos nomes máis sólidos da crítica artística en España, que xunto a Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón, referencias na investigación da fotografía galega e comisarios da mostra, analizarán a obra de José Suárez e revisarán unha biografía na que se atopan moitas claves do seu traballo.

Previamente, Alfonso Penela, representante da arquitectura galega máis contemporánea, explicará nun percorrido guiado pola exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ unha montaxe que consegue potenciar a expresividade do branco e negro das fotografías.

‘A ollada da dignidade’ terá lugar o 16 de febreiro ás 16:30 horas no Museo Centro Gaiás. A entrada é de balde mais é preciso inscribirse previamente en www.cidadedacultura.gal.

Gran figura da fotografía do XX

José Suárez (Allariz, 1902 – A Guarda, 1974) é unha das figuras máis interesantes e destacadas da fotografía galega do século XX. Nunha época na que predominaban os fotógrafos por encarga e unha visión costumista da sociedade galega, José Suárez rebélase como un artista consciente da súa autoría. A súa obra reflexa unha gran preocupación humanista, incorporando novidades formais propias dos movementos de vangarda europeos como a Nova visión ou a Nova obxectividade.

En ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, en exposición no Museo Centro Gaiás ata o 27 de marzo, o visitante poderá contemplar series tan coñecidas e importantes como ‘Mariñeiros’ pero tamén as tomadas durante as súas viaxes a Xapón ou das últimas que realizou na súa vida como ‘A Mancha’ (1965), xunto con obxectos persoais e documentación da época.

20 de xaneiro de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.