publicidade hoxe

Cores Tourís visitou A Cañiza para anunciar a nova liña de axudas para infraestruturas de uso público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Cañiza
A-
A+
Cores Tourís na Cañiza

Cores Tourís na Cañiza

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de A Cañiza para anunciar a nova liña de axudas para a mellora de infraestruras de uso público publicada recentemente no DOG e que conta cunha asignación de 5,3 millóns de euros.

Tal e como lle explicou o delegado territorial o alcalde da localidade, Miguel Adolfo Domínguez, o anuncio da apertura desta liña de axudas “realizouna neste concello xa que o pasado ano executáronse varios proxectos con cargo a estas subvencións, mellorando as instalacións deportivas do municipio e os seus parques”.

Deste xeito, A Cañiza levou a cabo a instalación de cubertas nos campos de futbol de Radulfe e O Couto, así como a instalación da megafonía no pabillón de deportes municipal, grazas á axuda da Xunta, de case 54.000 euros, garantindo así un mellor servizo aos veciños da localidade e aos usuarios destas instalacións, protexendoas das inclemencias do mal tempo.

Por outra banda, este municipio tamén destinou 60.500 euros para mellorar os parques de Uceira, Sobradelo, Cruxeiras, Paredes, Taín e Sobreiro. O proxecto permitiu o debroce destas áreas, a súa limpeza supericial e a nivelación do terreo, a colocación de vallas de madeira rústica, plantacións de árbores e, nalgúns casos, instalación de parques infantís nestes entornos.

Cores Tourís destacou que o pasado 28 de decembro publicouse a nova orde que facilitará aos concellos acollerse á liña de axudas para a creación ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. A estas axudas, que contan cun montante de 5,3 millóns de euros, podense acoller os concellos de menos de 30.000 habitantes tanto de xeito individual como compartido, mediante agrupacións de concellos, tendo estes que cumprir igualmente coa totalidade dos requisitos sinalados na convocatoria. “Os concellos contarán agora cun mes, dende a publicación desta liña de axudas, para presentar os seus proxectos”, engadiu o responsable territorial.

“Na nosa provincia, grazas a estas axudas, puidéronse desenvolver 76 proxectos, aos que se destinaron, nos últimos catro anos, máis de 3 millóns de euros”, matizou José Manuel Cores Tourís.

O delegado territorial recordou que estas axudas –cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)- teñen como obxectivo o financiamento de infraestruturas de uso público, entre os que se atopan proxectos de construción e ampliación de instalacións deportivas ou culturas e a creación, adecuación ou rehabilitación de prazas, rúas, paseos municipais e parques infantís.

Cores Tourís destacou que a Xunta de Galicia vén implementando nos últimos anos unha serie de medidas encamiñadas a incentivar a colaboración entre concellos co fin de acadar unha maior eficiencia e eficacia na asignación de recursos públicos, entre as cales se atopan estas axudas.

5 de xaneiro de 2016 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.