publicidade hoxe

Cores Tourís comproba o avance do obradoiro de emprego da Estrada no que se forman 15 desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+
Cores Tourís na visita ao obradoiro da Estrada

Cores Tourís na visita ao obradoiro da Estrada

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, acompañado do xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, e do alcalde de A Estrada, José López, o avance do obradoiro de emprego Casa da Música deste municipio no que se están a formar 15 persoas desempregadas.

A maiores, outras 60 atópanse inmersas no programa integrado de emprego. En total, a consellería de Economía, Emprego e Industria está a investir nestas dúas iniciativas un total de 252.000 euros.

O delegado territorial quixo aproveitar a visita para recordar que están abertas as dúas liñas de axudas para a posta en marcha de obradoiros de emprego de programas mixtos por un importe total de 10,2 millóns de euros e para obradoiros dirixidos a mozos e mozas menores de 30 anos. Para esta axuda está previsto un orzamento de 3,65 millóns de euros. Ambas ordes foron publicadas no DOG o pasado 30 de decembro.

Estes obradoiros terán unha duración de seis meses, así como unha única etapa de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, que tamén estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional. Durante a súa etapa formativa os alumnos e alumnas percibirán unha retribución salarial. Os concellos interesados terán ata o 30 de xaneiro para presentar o seu proxecto.

O alcalde de A Estrada, José López, apuntou que o concello ten todo listo para presentar o seu proxecto as dúas liñas de obradoiros, “de cara a continuar con esta importante obra da Casa da Música”.

Por outra banda, coa mesma data, tamén se publicou a nova liña de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, cun orzamento global de 2,8 millóns de euros, que ten o mesmo prazo para a súa presentación ante a Xunta de Galicia.

Esta orde permite a posta en marcha de dous tipos de programas, un integrado para o emprego, e outro específico para persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia. Será o Servizo Público de Emprego quen seleccione aos candidatos. Poden presentarse as administracións locais que teñan unha media de paro rexistrado no 2015 superior a 500 persoas ou que formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos a 3 concellos limítrofes.

A Estrada, un concello pioneiro

O obradoiro “Casa da Música”, que se prolongará ata o próximo mes de marzo, está dirixido aos mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no sistema de Garantía Xuvenil. “Isto converte a A Estrada nun dos concellos pioneiros na organización destes obradoiros destinados á mocidade”, explicou Cores Tourís, quen recordou que os 15 participantes (11 homes e 4 mulleres) estanse a formar nas especialidades de operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas, realizando bras de adecuación do edificio de usos múltiples do concello para mellorar a actividade do Conservatorio de Música.

Así, combínanse as distintas vantaxes dos programas mixtos de formación e emprego: acceso a unha formación de calidade, un emprego, e realización de obras e servizos para a comunidade.

No caso do obradoiro “Casa da Música”, os alumnos están a executar melloras no edificio que garantirán un espacio “axeitado” para o conservatorio municipal de música. Deste xeito, segundo apunto o alcalde da localidade, no primeiro andar estanse a executar os despachos de administración e profesores, así como as aulas de audición e un pequeno auditorio. No andar baixo, liberarase o espazo para os diferentes usos que requiera o conservatorio.

Para poñer en marcha este proxecto, o Goberno galego inviste preto de 130.000 euros. Trátase do quinto obradoiro que a Consellería financia na Estrada desde 2009, o cuarto consecutivo. En total, nestas cinco iniciativas a Xunta ten investido máis de 1,3 millóns de euros, o que permitiu mellorar a empregabilidade de 119 alumnos e alumnas.

Pola súa banda, A Estrada tamén conta na actualidade co programa integrado “A Estrada Activa”, que se organiza en colaboración co concello –a través da Fundación Cultural A Estrada- e a Consellería de Emprego e Industria e do que se están a beneficiar 60 veciños e veciñas desta localidade desempregados.

Esta iniciativa, que durará un ano, está dirixida ás persoas que están atopando maiores dificultades para acadar a súa inserción laboral. Con este obxectivo, deséñase un itinerario integral e individual para cada un dos participantes, nos que se combinan diversas actuacións: información, orientación, formación, asesoramento, intermediación con empresas, prácticas ou inserción.

O delegado territorial quixo tamén facer referencia a datos provinciais, recordando que, en total, na actualidade desenvólvense 7 obradoiros de mocidade cun total de 123 alumnos e un orzamento global de 847.400 euros. “Ademais, tamén se están a desenvolver outros 13 obradoiros na provincia con 266 alumnos e nos que a Xunta está a investir 2,3 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís, quen tamén recordou que dende 2012, a provincia contou con 56 obradoiros cun orzamento de 10,5 millóns de euros, o que beneficiou a 1.260 alumnos.

En relación aos plans integrados de emprego, na actualidade estanse a desenvolver 10 en toda a provincia con 760 participantes e un orzamento de 1,6 millóns de euros.

22 de xaneiro de 2016 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.