publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cores Tourís anuncia en Valga a nova orde reguladora das axudas do programa “Vivendas do Camiño”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaValga
A-
A+
Cores Tourís na visita a Valga

Cores Tourís na visita a Valga

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Valga para anunciar a nova orde reguladora das axudas do programa “Vivendas do Camiño”, que permitirá rehabilitar edificios e casas nos sete Camiños de Santiago.

Cores Tourís, acompañado do xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda, José Luis Díez, informou ao alcalde da vila pontevedresa, José María Bello Maneiro, desta nova liña, recordando que Valga é precisamente, un dos concellos que conta con maior número de vivendas situadas no Camiño Portugués.

Tal e como explicou o delegado territorial, con esta medida, a administración autonómica pretende contribuír á recuperación do patrimonio construído en Galicia, “poñendo en valor as rutas xacobeas e dinamizando xeográfica e economicamente os lugares polos cales pasa, maioritariamente rurais”. O Goberno galego quere así contribuír á posta en valor da paisaxe dos Camiños de Santiago, como activo singular da Comunidade Autónoma, “a través da recuperación do patrimonio construído na ruta, configurado ao longo dos séculos como un sinal de identidade do país”.

Cores Tourís recordou que na provincia de Pontevedra poderían acollerse a esta nova liña veciños 82 parroquias de 16 concellos polas que transitan tanto o Camiño Portugués como o da Prata. En Galicia son un total de 498 parroquias de 107 concellos. No caso do concello de Valga, poderíanse beneficiarse vivendas de tres parroquias, Xanza, Valga e Setecoros, que contan cun total de 2.885 veciños. “Nas zonas urbanas as axudas irán destinadas unicamente as vivendas situadas no trazado do Camiño, e nas zonas rurais poderanse acoller tódalas vivendas incluídas na parroquia pola que pasa un dos Camiños de Santiago, e non só aqueles inmobles situados estritamente na ruta”, engadiu o delegado territorial.

A estas axudas poderanse acoller os propietarios e as comunidades e agrupacións de propietarios e as actuacións subvencionables deberán adaptarse ás normativas vixentes en materia de edificación, accesibilidade, patrimonio cultura e urbanismo.

“A orde coas bases reguladoras para acollerse ao financiamento deste programa foi publicada no DOG o pasado 28 de decembro, e no presente mes de xaneiro publicarase a maiores a convocatoria das axudas”, explicou o responsable da Delegación Territorial.

Os solicitantes poderán financiar, con cargo a estas axudas, ata o 35% do orzamento das obras de rehabilitación, cun límite máximo de 11.000 euros por vivenda.

José Manuel Cores Tourís destacou a importancia dos Camiños de Santiago, e, en especial, dos dous que atravesan a provincia de Pontevedra. “En 2015 seguimos a sumar peregrinos. O Camiño Portugués creceu un 1,89%, rozando os 50.000 peregrinos, mentres a da Prata roldou os 21.000”.

Campaña de difusión
Co obxectivo de estender a cultura da rehabilitación e levar a información das axudas a todos os potenciais beneficiarios delas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo realizará unha ampla campaña de difusión delas nos 107 concellos polos que transcorren os Camiños de Santiago.

Con tal fin están previstas as seguintes actuacións en todos os concellos dos camiños: charlas informativas dirixidas aos potencias beneficiarios das axudas; xornadas técnicas para o persoal dos concellos beneficiarios e as autoridades locais; exposicións itinerantes divulgativas sobre a Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago e as axudas de rehabilitación; e actuacións de asesoramento técnico e de coordinación das diferentes administracións implicadas.

A Área de Rehabilitación do Camiño de Santiago foi declarada no ano 2010 e comprende o trazado das sete rutas do Camiño en Galicia:

- Francés. Desde Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela
- Da Prata I. Desde A Mezquita ou Verín ata Ourense
- Da Prata II. Desde Ourense ata Santiago de Compostela
- Inglés. Desde Ferrol ou A Coruña, xuntándose en Mesía ata Santiago de Compostela
- Primitivo. Desde A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés
- Norte. Desde Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés
- Fisterra-Muxía. Desde Santiago de Compostela ata Fisterra con desvío Muxía
- Portugués. Desde Tui a Santiago de Compostela

8 de xaneiro de 2016 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.