Convócase unha Mesa de Mobilidade de carácter extraordinario para estudar medidas para mellorar o tráfico en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense ven de convocar unha sesión extraordinaria da Mesa de Mobilidade para o vindeiro venres, 29 de xaneiro, ás 10:00 horas, no Centro Cívico da rúa Colón, no Casco Vello.

A decisión de convocar a este órgano consultivo municipal, no que están integrados os representantes políticos, así como de diferentes entidades relacionadas coa mobilidade de toda a cidade, responde a que os integrantes da mesa aporten as súas propostas para mellorar a situación do tráfico na cidade e, nomeadamente, con respecto ao aumento no número de atropelos.

O goberno municipal xa manifestou a súa intención de trasladar a esta mesa medidas para previr e evitar accidentes de tráfico, como é o caso dos atropelos. Informará aos integrantes da mesa das conclusións da xuntanza mantida o pasado xoves, polo alcalde, Jesús Vázquez, os concelleiros de Infraestruturas, José Araújo, Tráfico, Flora Moure, Educación, Belén Iglesias, e a intendente da Policía Local, María Barrera, o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, representantes da Xunta de Galicia e o director xeral de Tráfico en Ourense, David Llorente, para analizar a evolución da siniestralidade na cidade, con especial atención ao estudo, caso por caso, dos atropelos rexistrados no presente mes de xaneiro, e a viabilidade de por en marcha propostas de mellora que redunden en fomentar a seguridade viaria. 

Entre os datos analizados en dita reunión, as estatísticas da Policía Local de Ourense indican que no pasado ano 2015 produciuse un descenso do 13% no número de atropelos fronte a 2014 (55 accidentes, cunha vítima mortal), cifra que representa a máis baixa na cidade desde 2004. Dos 55, só 1 se produciu por exceso de velocidade. Sen embargo, no que prazo compendido entre os días 1 e 13 de xaneiro do presente ano, cambiou a tendenza, e rexistráronse 9 atropelos en Ourense.

A tipoloxía e a causalidade dos atropelos segue a ser moi semellante: o factor humano. Só 1 dos 55 casos rexistrados en 2015 ten como causa un exceso de velocidade. A causa máis común (25 dos 55 casos) é non respectar a sinalización nin as prioridades de paso, tanto polos que conducen como polos que van a pé, así como ir distraído ao volante (13) ou cruzar fóra dos pasos habilitados para peóns (10). No tocante ao erro humano, unha de cada catro veces é por causas imputables ao peón, mentres que no resto dos casos a culpa está no condutor.

Medidas en análise 

A Mesa da mobilidade analizará medidas concretas a implementar na cidade para mellorar a seguridade viaria, achegando novas propostas e valorar aquelas nas que xa traballa o Concello. Entre elas:

– Análise e implementación dun plan para incrementar a presencia policial nas rúas da cidade, coa finalidade de fomentar o seu importante labor na prevención dos accidentes. 

– Inclusión na próxima oferta de emprego público de novas prazas de axentes de Policía Local.

– Desenvolvemento de campañas informativas e de sensibilización, divulgando consellos para a seguridade con especial incidencia no relacionado cos pasos de peóns, nos que se ven producindo un importante número de accidentes motivados polo comportamento de peóns e condutores. Un labor, de divulgación, que xa ven facendo desde a Policía Local de Ourense con charlas informativas, e que se reforzará no sucesivo con campañas de comunicación. 

– Reforzo da actuación de rúa, por parte dos axentes da Policía Local, á hora de advertir a peóns que non crucen a vía de xeito adecuado.

– Dotación orzamentaria para a instalación de novos cruces semafóricos, pasos elevados, bandas redutoras naquelas rúas onde a densidade de tráfico ou outras circunstancias o fan preciso. 

– Proxecto de instalación de novos sistemas de control de velocidade, como a instalación dun dispositivo de radares. 

– Estudo da eliminación de prazas de aparcamento na contorna dos pasos de peóns para mellorar a visibilidade dos mesmos por parte dos condutores. 

Tamén se analizarán na reunión as propostas que realicen os colectivos integrados na Mesa, como a implantación de novas zonas a 30, fomento do uso da bicicletaentre outras, previo estudo da súa viabilidade técnica.

19 de xaneiro de 2016 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.