Conde avalía cos empresarios de Santiago medidas conxuntas para impulsar a competitividade e a creación de emprego

Francisco Conde na xornada de networking. Foto: X. Crespo
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou este mediodía nunha xornada de networking con empresarios de Santiago e comarca co obxectivo de trasladarlles as principais liñas de actuación da Consellería, que ten activados xa neste primeiro mes do ano preto do 70% dos programas de axudas para este 2016, con convocatorias xa abertas que suman 185 millóns de euros.
No encontro, no que Conde tivo a oportunidade de escoitar as propostas dos participantes, avaliáronse diferentes liñas de actuación conxuntas para seguir a dinamizar a economía local e a creación de emprego de calidade, e neste sentido o conselleiro destacou entre os apoios abertos en áreas estratéxicas para a zona as axudas que vén de activar o Igape por 22 millóns para impulsar os investimentos empresariais e proxectos da Industria 4.0, destacando que o programa Galicia Inviste permanecerá aberto ao longo do ano.
Resaltou tamén a aposta pola internacionalización, con convocatorias abertas nestes momentos por 9,5 millóns de euros que permitirán seguir avanzando cos bos resultados das exportacións galegas, destacando que os mercados internacionais están sendo “un soporte moi importante da economía galega” e que se seguen a rexistrar cifras históricas.
Abordáronse tamén na reunión os programas á disposición das compañías para impulsar a innovación, entre o que destaca o Conecta Peme, a cuxa terceira convocatoria se destinan 25 millóns de euros, e ao que se sumará proximamente unha nova edición do programa de unidades mixtas.
Tamén se fixo fincapé na liña destinada a promover o aforro e a eficiencia enerxética nos sectores industrial e de servizos, dotada con 9,5 millóns, multiplicando por seis o orzamento do ano pasado, así como os programas para impulsar as enerxías renovables, cun orzamento total de 1,3 millóns, e o de biomasa, con 8,4 millóns.
Conde, que resaltou a importancia do sector comercial na recuperación económica, destacou que se veñen de activar apoios por 5,6 millóns para continuar reforzando o comercio de proximidade galego, con axudas centradas no impulso do asociacionismo, a modernización e no establecemento do smart commerce e o comercio en liña, para promover a “adecuación do pequeno comercio ás novas fórmulas de negocio”.
Do mesmo xeito, na xornada celebrada en Santiago informouse de que na área de Emprego están activas axudas por preto de 100 millóns nas que se priorizan os colectivos máis desfavorecidos ou con menor empregabilidade.











