Conde avalía cos empresarios coruñeses os novos apoios para dinamizar a economía da provincia

Francisco Conde na xuntanza cos empresarios. Foto: M. Fuentes
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou este mediodía nunha xornada de networking con empresarios da Coruña e comarca co obxectivo de trasladarlles as principais liñas de actuación da Consellería, que ten activados xa neste primeiro mes preto do 70% dos programas de axudas para este 2016, con convocatorias xa abertas que suman 185 millóns de euros.
No encontro, no que Conde tivo a oportunidade de escoitar as propostas dos participantes, avaliáronse diferentes liñas de actuación conxuntas para seguir a dinamizar a economía local e a creación de emprego de calidade, e neste sentido o conselleiro destacou que máis do 50% das axudas que se veñen de abrir están destinadas á creación de emprego, incentivando a contratación, impulsando a formación, que permite mellorar a calidade do emprego, e potenciando o emprendemento e o respaldo ao autónomo.
O conselleiro sinalou que a economía galega está marcando unha clara situación de recuperación, con índices como a produción industrial ou as exportacións cunha mellor evolución que a media estatal, sinalou a importancia de apoiar os proxectos do empresariado neste contexto.
Neste sentido, lembrou os apoios por 22 millóns de euros que vén de activar o Igape para impulsar os investimentos empresariais e proxectos da Industria 4.0, destacando que o programa Galicia Inviste permanecerá aberto ao longo do ano.
Resaltou tamén a aposta pola internacionalización, con convocatorias abertas nestes momentos por 9,5 millóns de euros que permitirán seguir avanzando cos bos resultados das exportacións da provincia, que se teñen incrementado de xaneiro a novembro nun 7%, por riba da media galega e da estatal.
Abordáronse tamén na reunión os programas á disposición das compañías para impulsar a innovación, entre o que destaca o Conecta Peme, a cuxa terceira convocatoria se destinan 25 millóns de euros.
Outro dos programas, dotado con 9,5 millóns, seis veces máis que o ano pasado, céntrase en promover o aforro e a eficiencia enerxética nos sectores industrial e de servizos. Tamén se veñen de activar diferentes liñas para impulsar o uso da biomasa, cun total de 8,4 millóns,
Conde, que resaltou a importancia do sector comercial na recuperación económica, destacou que se veñen de activar apoios por 5,6 millóns para continuar reforzando o comercio de proximidade galego, con axudas centradas no impulso do asociacionismo, a modernización e no establecemento do smart commerce e o comercio en liña.











